Concello da Estrada

Xunta de Galicia convoca o programa de axudas dirixido a persoas traballadoras autónomas (parcialmente financiado pola Unión Europea)

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras polas cales se rexerán as subvencións ás persoas traballadoras autónomas a través dos seguintes programas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025:

Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D), destinado a apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. b)

Programa II: Nova Oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A), destinado a facilitar a volta á actividade económica da persoa traballadora autónoma que non tivo éxito no seu anterior intento.

Programa III: Bono das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), destinado a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os 42 meses de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.

Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas (TR353D), destinado a evitar o peche de negocios por falta de relevo xeracional.

Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R), destinado a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.

1. Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D).

A finalidade deste programa é a concesión de 2 liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.

Ao abeiro deste Programa subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade, que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 30 de setembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas inclusive.

Establécense 2 liñas de axudas:

a) Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma, cun importe de 19.356.500 €.

b) Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, cun importe de 9.600.000 €.

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 7 desta orde e que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambas inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións: 1.1. Para a liña 1:

a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua correspondente, carecendo de ocupación efectiva segundo o disposto artigo 5.1.

b) Ser titular ou cotitular do negocio ou explotación e ter iniciada a actividade laboral con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta inicial anterior como persoa traballadora autónoma nos cinco (5) anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, salvo que dita alta houbera sido como persoa autónoma colaboradora.

c) Atoparse de alta no Imposto de Actividades Económicas.

d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037). e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

Para a liña 2:

a) Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo no momento de presentación da solicitude.

b) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo o disposto no artigo 5.1.

c) Ter iniciada a actividade, segundo a definición do artigo 5.3), con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

d) Atoparse de alta no Imposto de Actividades Económicas.

e) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

f) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

g) No suposto de persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores das mesmas, estas deberán ser de nova creación, isto é aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 30 de setembro de 2024, segundo a data que figure no Imposto de actividades económicas ou, no seu caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

As 2 liñas de axuda establecidas neste capítulo son compatibles entre si, e o seu obxecto é o de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do seu emprego como persoas traballadoras autónomas e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral.

2) Programa II. Bono nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A)

A finalidade deste Programa é a concesión de axudas dirixidas ás persoas autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como autónomas e son demandantes de emprego no momento previo a nova alta como persoa traballadora autónoma.

Requisitos :

a) Ter causado alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2024 ao 30 de setembro de 2025, e atoparse de alta no momento da solicitude.

b) Ter unha alta inicial no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, antes desta nova alta, dentro dos últimos 5 anos desde a data da publicación desta orde.

c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta, polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional).

d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta, e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente, no momento da tramitación, e durante un tempo mínimo de vinte e catro (24) meses desde a nova alta.

e) Transcorrer un período mínimo de seis (6) meses entre a nova alta como persoa traballadora autónoma no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente, e a anterior baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente.

f) Ter o domicilio fiscal en Galicia, con anterioridade a nova alta como persoa traballadora autónoma, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención. h) Ter dado a baixa no Imposto de Actividades Económicas da actividade precedente.

A axuda do bono nova oportunidade será dunha contía única de 7.500 €, dirixida ás persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 33, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.

3) Programa III. Bono autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341Q)

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste capítulo.

1. As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas, declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros.

c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2023.

2. As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2023.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184)

Liñas de axuda e contía da subvención

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias deste programa, unha subvención do 60 % de cada unha dos investimentos a subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros totais de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria. 2. Esta axuda diríxese á mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:

• Compra de maquinaria.

• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.

• Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.

• Compra de utillaxe e ferramentas.

• Reforma do local ou espazo do negocio.

• Equipamento informático.

• Equipamento de oficina e/ou negocio.

• Rótulos.

• Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.

• Deseño de marca.

4) Programa IV. Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios (TR353D)

Este programa ten como finalidade evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

Poderán ser beneficiarias do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.

5) Programa V. Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R)

A finalidade deste programa é apoiar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante:

– O Bono Autónomo Concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento).

Axudas dirixidas á contratación no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025, dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

– O Bono Autónomo Concilia II (contratación dunha persoa traballadora para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).

Axudas dirixidas á contratación indefinida, no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025, dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas.

– O Bono Autónomo Concilia III (apoio nos custos dos centros e/ou servizos para o coidado de menores e maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250117/AnuncioG0767-271224-0013_gl.pdf

Scroll ao inicio
Skip to content