Xunta de Galicia convoca o bono emancípate
CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
ORDE do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B).
Esta orde ten por obxecto establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica a través do Bono Emancípate destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugamento, como son os derivados dunha mudanza, a adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño, téxtil de fogar e gastos de xestoría ou notaría.
A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual, a cal só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autó‑ noma de Galicia, para os gastos incluídos no artigo 7 desta orde. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
1.1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
1.2. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación.
No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
1.3. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude.
Mediante esta orde subvenciónase, a través do Bono Emancípate, nos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establece‑ mentos especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a adquisición dos seguintes bens e servizos:
– Mobles de salón/comedor: sofá, mesa de comedor, cadeira/s, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar, moble de TV, estante.
– Mobles de cuarto: cabeceiro, estrutura de cama, somier, colchón, almofada, aparador, armario, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar.
– Mobles de cociña: mesa, cadeira/s, estante, lámpada de teito.
– Mobles de baño: estante, moble de lavabo, cadeira, biombo ou cortina de ducha.
– Electrodomésticos: forno convencional, forno microondas, lavadora, secadora, frigorí‑ fico, deshumidificador, radiador.
– Artigos de decoración: cadros, porta retratos, testos, plantas, alfombras, espellos, floreiros.
– Enxoval de cociña: potas, cazos, tixolas e similares, vaixela, cubertos e outros utensilios.
– Enxoval de baño: xaboeira, porta cepillos e similares, espello de aumento.
– Téxtil de fogar: sabas, edredóns, toallas, mantas.
– Gastos de mudanza: os derivados do servizo de traslado de mobiliario e útiles desde unha vivenda anterior ata aquela alugada ou adquirida que dá dereito ao cobramento da axuda.
– Gastos de xestoría e notaría: os honorarios que aplique a xestoría ou a notaría polas xestións derivadas dos contratos de arrendamento ou de compravenda que dan dereito ao cobramento desta axuda.
A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que teñan adquirido unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 31 de maio de 2024 e, en todo caso, antes da data de remate do prazo de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 6 de febreiro de 2025 ata o día 30 de abril de 2025, ambos incluídos, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 3.2 da convocatoria.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250128/AnuncioG0766-030125-0003_gl.pdf