Xornada sobre as traídas veciñais e comunidades de usuarios de auga

O Concello da Estrada organiza, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, unha xornada informativa centrada nas traídas de auga veciñais e na posta en valor das comunidades de usuarios de auga no ámbito rural.

A xornada, que se celebrará o mércores 18 de febreiro ás 19.00 horas no Museo do Moble e da Madeira (MOME), ten como obxectivo ofrecer información práctica e resolver dúbidas sobre a xestión da auga, a normativa vixente e as posibilidades de acceso a subvencións.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, destacou que a maior parte dos 473 núcleos de poboación do concello están abastecidos por traídas de auga de carácter privado. “Queremos apoiar este servizo que tan ben funcionou ata o día de hoxe”, sinalou o rexedor, quen animou ás comunidades e persoas interesadas a participar nesta sesión informativa.

Durante a xornada, persoal técnico especializado abordará cuestións como o Plan Sanitario da Auga, o control da calidade e a toma de mostras, o mantemento das instalacións, as obrigas legais e a documentación das comunidades de auga. Ademais, explicarase o acceso a liñas de subvencións promovidas pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Pontevedra, como os plans +Aqua e Novaqua.

A sesión tamén incluirá a exposición de casos reais e un espazo para a resolución de dúbidas, coa finalidade de facilitar a legalización de traídas e a realización de melloras en tubaxes, depósitos ou sistemas de potabilización.

A inscrición é gratuíta.

Scroll ao inicio
Ir o contido