O departamento municipal de Cultura da Estrada ten dende hoxe á venda anticipada as entradas para gozar da última función no municipio da obra “Os seráns de Vilancosta”, unha peza teatral dirixida por Santiago Cortegoso e que se estreou en 2025, no marco do Ano Cultural Avelina Valladares. O pano subirá no Teatro Principal o vindeiro venres, 20 de febreiro, ás 20.30 horas.
Esta será a primeira das tres funcións que contempla a pequena xira coa que esta peza se despedirá dos escenarios. Cómpre lembrar que na súa posta en escena se implicaron actores da Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) e integrantes da agrupación Tequexetéldere, contando coa ilustradora Rosa de Cabanas para dar vida a algúns dos espazos relacionados coa familia dos Valladares de Vilancosta.
Baseada nun libro homónimo que o Concello da Estrada presentou tamén no marco do Ano Cultural de 2025, esta montaxe conta con máis de 50 artistas e vai máis alá dunha simple homenaxe a un dos referentes femininos do Rexurdimento, tratando de poñer en valor e visibilizar a figura de Avelina Valladares, subliñando o seu carácter pioneiro, valeroso e profundamente xeneroso que lle era propio.
Despois de despedirse no Teatro Principal, ofrecendo unha nova oportunidade de gozar desta obra a aqueles que non tiveron ocasión de facelo nos pases anteriores, “Os seráns de Vilancosta” chegará o sábado 21 de febreiro á cidade portuguesa de Braga. Alí está programada unha función ás 21.30 horas (hora local), no marco do Festival Convergências Galicia-Portugal.
Xa o 28 de febreiro a representación chegará á cidade da Coruña, cunha función no Centro Ágora, prevista para as 19.30 horas.
Cómpre lembrar que esta peza axuda a poñer rostro á Cantora da Ulla, unha Avelina Valladares á que o Concello da Estrada dedicou o Ano Cultural 2025, no bicentenario do seu nacemento e coa pretensión de poñer o foco nunha autora do Rexurdimento que quedou eclipsada polo seu célebre irmán, o lexicógrafo e escritor Marcial Valladares Núñez.