Concello da Estrada

Cultura

Valladares Núñez, Marcial

Biografía

Nace en Vilancosta – Berres ( A Estrada) no ano 1.821. Feitos os primeiros estudos, vai ter un profesor particular de latín o que, unido a un ambiente familiar moi culto, vai marcar o futuro de Marcial. Con doce anos irase para Santiago de Compostela estudar os dous primeiros cursos de bacharelato; o terceiro realizarao en Ourense por mor do traballo do seu pai. Unha vez acabado o bacharelato ponse a estudar a carreira de dereito, acadando a titulación de Licenciado en Xurisprudencia no ano 1.842. No ano seguinte volta a Compostela para asistir ás clases de Francés e á cátedra de Historia Natural, dirixida polo doutor Casares. No ano 1.844 desprazarase para Zamora onde o seu pai ocupaba a praza de Intendente. A familia Valladares voltará a Galiza no ano 1.850, a Ourense, pero seu pai decide retirarse definitivamente a Vilancosta. Nestes intres Marcial Valladares vai desenvolver unha intensa actividade política e así no 1.852 resulta electo Deputado Provincial por Tabeirós, cargo no que durará ata o 1.866, data na que,como antes fixera o seu pai, se retirou a Vilancosta. No ano 1.861 presidirá a inauguración dos “ Juegos Florales” no teatro de Pontevedra. No ano 1.880 será nomeado “ Miembro Correspondiente” da Real Academia Española. No 1.884 será nomeado “ Socio de Mérito” pola “ Sociedade Folklore Gallego”.

 

Marcial Valladares finará no ano 1.903, en Vilancosta. No ano 1.970 a Real Academia Galega adicaralle o “ Día das Letras Galegas”, e no ano 2.003 o Concello da Estrada adicará o ano á súa figura.

 

O seu primeiro poema en galego data do ano 1.844 “ A un paxariño”. A partir de aquí seguirá a escribir poemas, pero no ano 1.850 comezará a confeccionar o seu DICCIONARIO GALLEGO – CASTELLANO, que será publicado no ano 1.884 ( Biblioteca El Libredón, Santiago). Este dicccionario verase ampliado por dúas veces: a primeira no ano 1.896 co NUEVO SUPLEMENTO AL DICCIONARIO GALLEGO – CASTELLANO e posteriormente no ano 1.902 co NUEVO APÉNDICE AL DICCIONARIO GALLEGO – CASTELLANO.

 

No ano1.955 comezou a súa ELEMENTOS DE GRAMÁTICA GALLEGA, obra que rematará no ano 1.892, pero que permanecerá inédita ata o ano 1.970 ( Edit. Galaxia).

 

No ano 1.862 participará no “ Álbum de la Caridad”.

 

Do ano 1.867 data o manuscrito do seu CANTIGUEIRO POPULAR e do  1.879 dátase o seu APÉNDICE Ó CANTIGUEIRO POPULAR, obras que aparecerán integramente publicadas na obra MARCIAL VALLADARES NÚÑEZ : CANTIGUEIRO POPULAR elaborada por Xosé Luna Sanmartín

( Fundación Cultural da Estrada, 2.004). No ano 1.870 escribe a súa novela MAXINA

OU A FILLA ESPÚREA, a primeira novela longa da nosa literatura, que será publicada por primeira vez no ano 1.880 por entregas na revista dirixida por Manuel Murguía, “ La ilustración gallega y asturiana”, ( Vía Láctea, 1.987; Edicións Xerais de Galicia, 1.991; Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, nº 6, 2.001).

 

Scroll ao inicio
Skip to content