Reunións no rural dentro da campaña municipal de sensibilización sobre a xestión de residuos
Os departamentos municipais de Medio Ambiente e Servizos Municipais teñen convocadas catro reunións informativas dirixidas ao ámbito rural da Estrada, sesións enmarcadas na campaña de sensibilización sobre a xestión de residuos que a administración municipal ten en marcha e que busca afondar nunha mellor e maior reciclaxe de residuos e na redución da porcentaxe de impropios nos colectores.
As reunións foron pensadas para a súa realización nos centros educativos que engloban ás diferentes parroquias. A primeira delas será xa este mércores, 4 de xuño, ás 19.30 horas no CEIP Manuel Villar Paramá de Vea. Seguidamente, o martes día 10 será no CEIP de Oca; o mércores 11 no do Foxo e o xoves 12 no colexio Manuel Cabada Vázquez de Codeseda.
Nestes momentos o Concello da Estrada está mobilizando 20.000 quilogramos de lixo por xornada ata a planta de Sogama, o que se traduce practicamente nunha media dun quilo por estradense e día. Neste volume estímase todo o arroxado aos colectores, coa excepción dos iglús destinados ao vidro. O que pretende o Concello con estas campañas é clasificar todo o vertido para tentar reducir a un 20% os impropios, que actualmente se sitúan no 50%.