Rehabilitación do acueduto de Leira

O Concello da Estrada vén de recibir as obras vencelladas ao Fondo de Compensación Ambiental, cuxos recursos se destinan por segundo ano consecutivo á posta en valor da contorna da Presa de Leira. Neste 2026 o groso do investimento dirixiuse á recuperación do singular acueduto situado nos límites das parroquias de Ribela, Parada e Codeseda. A construción forma parte dun conxunto hidrolóxico e arquitectónico que constitúe, asemade, un importante elemento patrimonial e un atractivo turístico aínda moi descoñecido.

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, visitou este venres a zona para coñecer de primeira man o resultado dos traballos. “Este conxunto ten moito atractivo natural, hidrolóxico e turístico”, subliñou o mandatario, que puxo o acento no “patrimonio tan interesante que temos nesta zona do noso concello”.

O propio rexedor lembrou que na primeira intervención, realizada en 2024, os traballos impulsados polo Concello permitiron recuperar os muros derrubados no discorrer da presa de Leira e instalar pasarelas e varandas nalgúns dos puntos do percorrido con maior dificultade de paso, co obxectivo de facilitar o tránsito peonil pola contorna.

Neste 2026, o foco púxose na recuperación do acueduto, unha infraestrutura hidráulica histórica que continúa cumprindo a súa función de permitir o paso da auga sobre o curso fluvial. Os traballos posibilitaron a recuperación dalgunhas das grandes lousas de pedra que cobren a canle, restituíndo parte da configuración orixinal desta singular construción. Porén, cómpre lembrar que se trata dunha infraestrutura concibida para a condución de auga, non como un paso peonil.

Con preto de tres séculos de historia (algunhas fontes documentais sitúan a súa construción no ano 1753), o acueduto de Leira ten sona de seren dos máis antigos acuedutos en funcionamento que existen en Galicia. Forma parte dunha antiga condución de auga -a presa de Leira- de arredor de 3 quilómetros de lonxitude e que se creou para a rega de prados e cultivos da contorna.

Ademais da importancia arquitectónica deste singular patrimonio atesourado neste punto do rural estradense, a beleza da paisaxe natural na que se enmarca o acueduto é innegable. A maiores, a carón da presa e acueduto de Leira existen moitas lendas e contos populares, principalmente asociados ás figuras mitolóxicas dos mouros. De feito, varias pedras e cavidades están bautizadas con nomes que fan referencia a esta compoñente lendaria.

Scroll ao inicio
Ir o contido