Radio Estrada celebra o seu 30º aniversario cun programa especial en directo desde o Teatro Principal
Radio Estrada está de aniversario. O vindeiro sábado 1 de marzo, a emisora local celebra 30 anos de historia cun programa especial en directo desde o Teatro Principal da Estrada. De 9:00 a 13:00 horas, o escenario converterase no epicentro da radio galega, cunha programación cargada de emoción, memoria e música.
O evento, de acceso libre ata completar aforo, estará aberto ao público. As persoas interesadas poden retirar os convites no Departamento de Cultura do Concello ou en Radio Estrada.
Durante a mañá, desfilarán polo escenario voces que marcaron a traxectoria da emisora, así como figuras destacadas do panorama cultural e social. A música en directo virá da man do OMM Carlos Barruso, mentres que a historia da radio será revisitada a través das testemuñas de locutores emblemáticos, sen esquecer o toque de humor que acompañará toda a xornada.
O programa, que se emitirá por Radiofusión para todas as radios municipais de Galicia que o desexen, quere ser unha homenaxe á audiencia e a todas as persoas que fixeron posible que Radio Estrada se consolidase como un referente informativo e cultural na comarca.
Esta celebración é posible grazas ao patrocinio de:
- Cervexería Eureka, SBC Gasolineras, Edente Estudio Dental By Pura Rodríguez, Inversia Seguros A Estrada, Habita Inmobiliaria, Blanco Motor, Moksin, Albia Servicios Funerarios, Comercial Veiras, Pastelería Mimela, Librería Faro, Start Motor, BigMat Dalarjo, Riobo Forrajes, Irmáns Picaño
E á colaboración de:
- Fundación Cultural, Concello da Estrada, Secretaría Xeral de Lingua
Con este evento, Radio Estrada reafirma o seu compromiso coa información, o entretemento e a cultura local, celebrando tres décadas de radio feita con paixón e proximidade.