Obradoiro de Xuventude en Viñetas
https://www.depo.gal/obradoiros-xuventude-en-vinetasA Estrada acollerá este sábado un dos obradoiros gratuítos do programa Xuventude en Viñetas, impulsado pola Deputación de Pontevedra. A iniciativa da institución provincial arranca este xoves, 13 de novembro, en Pontevedra e consiste nun ciclo de obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos.
A proposta artéllase en catro obradoiros, dous en nivel de iniciación e outros dous de carácter intermedio. Todos eles cun fío condutor común: a vida na provincia. As pezas realizadas polos participantes formarán parte dunha exposición.
No caso da Estrada, a experiencia proposta terá un nivel de iniciación. Desenvolverase este sábado, 15 de novembro, na Sala Abanca e en horario de 11.00 a 13.00 horas. Estará centrado na creación de personaxes e será impartido por Lucía Cid, actualmente centrada en proxectos de creacións de cómics e ilustración de libros infantís e xuvenís.
O obradoiro arrancará abordando os fundamentos básicos de creación de personaxes, para continuar adentrándose no proceso creativo. Inclúe un exercicio práctico de hora e media de duración, titulado “Deseña un personaxe de fantasía inspirado na túa vila”.
Como queda avanzado, os obradoiros de Xuventude en Viñetas son gratuítos, se ben as prazas son limitadas (de 8 a 15 persoas por obradoiro). Cada participante deberá levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores. As inscricións realízanse cun formulario en liña na página web da Deputación de Pontevedra.
Xuventude en Viñetas arrancará o xoves con “Banda deseñada desde cero. O meu día a día en viñetas”. Tralo seu paso por Pontevedra, chega á Estrada e, de seguido, o 22 de novembro recalará en Sanxenxo cunha temática que xirará arredor de como se fai un manga. O último dos obradoiros será en Ponteareas (29 de novembro) para abordar a composición visual na banda deseñada.
Xuventude en Viñetas busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia, á vez que promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrece un ocio saudable e alternativo.
Máis info e inscrición aquí: