Imagen Cabecera Común

Obradoiro A Estrada Emprega Foresta 2026

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, fixo un chamamento a todas as persoas interesadas en participar no Obradoiro de Emprego que vén de solicitar o Concello da Estrada para que se anoten na Oficina de Emprego como demandantes interesados en participar neste tipo de programas.

O mandatario sinalou que o Concello aínda ten que agardar a resposta da Xunta de Galicia ao programa solicitado de cara a este novo ano, se ben estimou moi importante que as persoas interesadas na formación, práctica e empregabilidade desta iniciativa se inscriban de xeito específico como interesados en participar en Obradoiros de Emprego.

Como se informou días atrás, a administración municipal xa formalizou a súa petición perante a Xunta de Galicia, rexistrando un programa orientado ao ámbito forestal e que tería o seu centro de actuación en zonas verdes e espazos públicos municipais das parroquias.

Este Obradoiro de Emprego leva o nome de A Estrada Emprega Foresta 2026. Dentro del habería dúas modalidades formativas, cada unha con dez alumnos: a liña de aproveitamento forestal e a de actividades auxiliares de conservación e mellora do monte. Polo tanto, trátase dunha ferramenta para mellorar a empregabilidade dun total de 20 persoas durante nove meses.

O proxecto de obra que acompaña esta iniciativa contempla un total de 24 actuacións, distribuídas entre 19 parroquias. Entre elas inclúense as previstas na Carballeira da Sagrada (Codeseda), así como múltiples accións en Oca, Loimil, Vinseiro, Cora, Santo Tomé de Ancorados, Moreira, Guimarei, Lagartóns, Barbude, Paradela, Couso, Arca, San Xurxo de Vea, Toedo, Santeles, Rubín ou A Estrada.

Scroll ao inicio
Ir o contido