O Teatro Principal da Estrada acollerá o 27 novembro unha das grandes citas culturais da tempada coa chegada da International Ballet Company dentro da súa Winter Tour 25/26. A cita foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Lucía Seaone.
A compañía internacional, formada por solistas de Moldavia, Ucraína, Italia e outros países, interpretará unha das obras máis emblemáticas da historia do ballet clásico: “O Lago dos Cisnes”, coa música do compositor Piotr Ilich Tchaikovsky.
“Falamos dunha oportunidade histórica para A Estrada. Unha ocasión única para gozar dun espectáculo dun nivel que ben poderiamos ver na Gran Vía madrileña, e que nesta ocasión chegará ao noso municipio grazas a unha confluencia de factores moi excepcional”, explicou Seoane.
A función contará cos solistas Cristina Terentiev e Alexandru Balan e terá unha duración aproximada de 2 horas e 45 minutos (con descanso).
Dende o ano 2011, o Concello da Estrada aposta por unha programación cultural de calidade con prezos populares, que adoitan situarse por debaixo dos 10 euros. Nesta ocasión, debido ás características excepcionais do espectáculo, o prezo da entrada será de 30 euros. Aínda así, o Concello subvenciona parte do custo, permitindo que o público poida gozar deste ballet na Estrada a un prezo inferior ao habitual noutras cidades.
As entradas estará á venda dende este martes, 28 de abril, no departamento de Cultura do Concello da Estrada ou en liña a través de www.4tickets.cat/ibc.