O Concello da Estrada vén de recibir os informes e autorizacións preceptivos para poder avanzar na substitución das comportas da praia fluvial de Liñares, elementos que quedaron notablemente afectadas despois dos temporais e fortes crecidas do inverno.
Coa chegada da primavera, o persoal municipal realizou a correspondente revisión das instalacións ao obxecto de efectuar as tarefas de mantemento necesarias para abrir o recinto ao público. Así, no mes de marzo informouse de que, ao baixar o nivel do río puido verse a gran cantidade de troncos, pólas e vexetación que a forza da auga e as enchentes arrastraron durante os temporais do inverno. Ese material estivo batendo contra a estrutura de madeira das comportas (empréganse para encorar a auga e garantir que o nivel do río medre para o baño) facendo presión contra elas pola propia acción da auga e das correntes. As pólas ocasionaron a rotura de ancoraxes e rodamentos.
Así as cousas, ao dar traslado da necesidade de substitución ás autoridades competentes, solicitouse un proxecto, que o Concello remitiu debidamente. Porén tamén foron precisos informes de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia, un visto bo que chegou este mércores e esta mesma mañá, respectivamente. Deste xeito, a administración local pode xa abrir o expediente para contratar, o máis axiña posible, a substitución das comportas.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, agardou hoxe que se poida dar máxima axilidade ao proceso para que as comportas queden colocadas o máis axiña posible, estimando como horizonte temporal comezos de xullo. Mentres non se complete esta actuación, o nivel da auga na zona de baño será inferior ao habitual, sen que isto impida o uso recreativo e o desfrute das instalacións.
A praia fluvial abrirase á tempada de baño o vindeiro martes, 23 de xuño. Contará con servizo de socorrista e unha agua cuxa boa calidade vén de seren certificada esta mesma semana por Sanidade despois das analíticas realizadas.