O Concello da Estrada continúa coa mellora das súas infraestruturas deportivas. Despois das obras realizadas nas piscinas municipais, no campo de fútbol Manuel Regueiro e das que moi pronto arrancarán no Novo Municipal, o alcalde estradense desvelou hoxe que os fondos da cuarta convocatoria do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra serán destinados integramente á remodelación das pistas de tenis.
O mandatario indicou que o proxecto está concibido en dúas fases. A primeira delas, con máis de 200.000 euros de investimento, suporá unha mellora integral das tres pistas existentes na Zona Deportiva, reservándose para unha segunda etapa cubrilas para sacarlles un maior rendemento cando as condicións meteorolóxicas xogan en contra.
Deste xeito, o proxecto previsto agora contempla a retirada do céspede antigo e a súa substitución por unha superficie de céspede artificial de última xeración, elaborado para garantir o óptimo rendemento deportivo.
Os traballos para a colocación desta nova herba artificial incluirán a limpeza da superficie, coa revisión de drenaxes e granulometría; estendido dos rolos, pegado das xuntas, inserción das marcaxes, recheo con area de sílice, cepillado e redistribución da area.
Con código
O proxecto tamén inclúe a substitución do peche perimetral destas instalacións deportivas e a mellora e acondicionamento dos accesos. Neste último senso, implementarase un control de acceso dixital, de xeito que os usuarios entren ás pistas de tenis valéndose dun código que se lles proporcionará no momento de aboar a reserva de uso das instalacións.
A día de hoxe, reservar unha pista de tenis no Concello da Estrada ten un prezo de 1,54 euros por hora sen luz e 2,26 euros por hora no caso de que se faga uso do sistema de iluminación.
Usuarios
As pistas de tenis municipais son empregadas tres días á semana, entre os meses de outubro e xuño, polos alumnos da correspondente Escola Deportiva Municipal. A maiores, as instalacións son reservadas esporadicamente por clubs de tenis e están abertas a usuarios de acceso libre, que representan unha media dunhas 20 persoas por día ao longo de cada semana na que se pode considerar, por cuestións meteorolóxicas, a tempada alta (de abril a outubro). A maiores, en xullo e agosto estas tres pistas acollen cada día aos participantes no Campus Deportivo de Verán.
O alcalde estradense asegurou que a segunda fase desta reforma permitirá dar resposta a unha antiga demanda dos usuarios destas pistas: cubrilas para que esta práctica deportiva quede salvagardada nos meses de inverno, ampliando as posibilidades de xogo e adestramento.