O Concello escolle San Miguel de Castro para vivir a eclipse

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro de Sanidade e Turismo, Óscar Rancaño, presentaron a programación municipal con motivo do eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que converterá Galicia nun dos mellores lugares para contemplalo.

O punto de observación organizado polo Concello da Estrada é o Alto do Castro (parroquia de San Miguel de Castro). Agárdase que a actividade se deixe sentir neste emprazamento, privilexiado para a observación, dende as 18.30 horas.

O dispositivo contará cun operativo especial coordinado coa Policía Local e Emerxencias da Estrada para facilitar o acceso e garantir unha observación segura.

O Concello repartirá 1.000 gafas homologadas para a observación solar, facilitadas pola Deputación Pontevedra Pontevedra, entre as persoas asistentes que non leven as súas. A entrega realizarase ata esgotar existencias.

A fase máxima producirase ao fío das 20.29, ofrecendo unha experiencia única na que o ceo escurecerá durante uns instantes e será posible contemplar a coroa solar, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Cómpre lembrar que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada. As gafas de sol convencionais, cristais afumados, radiografías ou calquera outro método caseiro non protexen a vista e poden provocar lesións oculares irreversibles.

O Concello da Estrada anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Alto do Castro para compartir este evento único, gozando do eclipse con todas as garantías de seguridade.

Scroll ao inicio
Ir o contido