Imagen Cabecera Común

O Concello da Estrada crea RuralMente

O Concello da Estrada, a través do seu departamento de Desenvolvemento Rural e Actividade Agrogandeira, promoveu o nacemento de RuralMente, unha iniciativa que reunirá, o vindeiro sábado 24 de xaneiro, a produtores e produtoras locais nun encontro que busca visualizar e valorizar o que sempre foi un dos piares económicos deste municipio.

Deste xeito, RuralMente nace como unha iniciativa que pon o foco no rural estradense, entendéndoo como unha gran porta aberta ás oportunidades e motivo de orgullo deste concello. O que que se busca con esta xornada é pór de relevo a importancia do sector agrogandeiro, trasladando publicamente unha mensaxe clara: “o noso rural está moi vivo, ten capacidade para seguir medrando e resulta clave no desenvolvemento do noso concello”, sinala a edil Anxos Pais.

“Os produtores e produtoras son os auténticos protagonistas de RuralMente”, continuou a concelleira de Desenvolvemento Rural. “Co seu traballo diario manteñen viva a identidade da Estrada, facendo posible un territorio cheo de diversidade produtiva, de esforzo e de futuro”, engadiu.

Mente no rural

O nome escollido para esta xornada, que nace con clara vocación de continuidade como cita anual co sector, xoga coa idea de que A Estrada é un concello eminentemente rural e no que a xestión municipal pretende “poñer mente e enerxías no propósito de favorecer o desenvolvemento rural”.

O evento desenvolverase no Pazo de Xerlís, en Guimarei. Alí estará todo listo o sábado 24 para recibir, dende as 12.00 horas, aos moitos representantes deste sector que xa foron convidados.

Será unha convocatoria sinxela, que comezará coa proxección dunha peza audiovisual na que se leva traballando dende hai semanas. A través dela ofrecerase unha perspectiva global do tecido agrogandeiro estradense, aglutinando as distintas alternativas produtivas que ofrece o rural na Estrada. “Búscase poñer de manifesto un recoñecemento de que o rural define e identifica o noso concello. Temos alma rural e un territorio completamente sementando de diversidade produtiva, para que as oportunidades medren aquí onde están as raíces”, sinalou, pola súa parte, o alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono.

RuralMente proporá, asemade, un coloquio cunha ampla representación do sector, conducido pola xornalista Neves Rodríguez. As súas voces e experiencias contribuirán a completar o escenario descrito durante a proxección, sintetizando as oportunidades que ofrece o rural na Estrada e tamén os desafíos.

Identidade colectiva

“Na Estrada o rural non só define o territorio, senón que identifica a nosa identidade colectiva. Contamos cunha ampla diversidade produtiva e cun sector moi vivo, dinámico e con capacidade para seguir medrando, polo que consideramos esencial fomentar espazos coma este que propoñemos, pensados para o encontro e o diálogo entre administracións, sector produtivo e territorio”, manifestou Louzao.

Finalmente, Anxos Pais animou aos produtores a respaldar a convocatoria desta xornada, sinalando que son eles os verdadeiros protagonistas, “a base dun concello orgulloso de ser rural, con alma e raíces fondas na súa terra”. “RuralMente foi pensada para recoñecer, compartir e poñer en valor todo o que representan”, concluíu.

Segundo os datos que baralla o Concello, nestes intres estarían inscritos no termo municipal estradense arredor de 200 produtores agrogandeiros.

Scroll ao inicio
Ir o contido