O Concello da Estrada, a través do Centro de Información á Muller (CIM), está desenvolvendo nos diferentes centros educativos unha actividade de sensibilización e prevención en materia de igualdade, coeducación e prevención das violencias machistas. A proposta, que segue a dinámica do mítico xogo Cluedo, enmárcase nas iniciativas vencelladas ao Pacto de Estrado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade para o período 2025-2026.
A directora do CIM, Marga de la Calle, sinala que a actividade atopa encaixe na liña de actuación 1, dentro das medidas deste pacto, concretamente na relativa á sensibilización e prevención desde o ámbito educativo. O que se pretende é incidir na coeducación de maneira integral, con perspectiva interseccional, traballando co alumnado e evitando estereotipos e modelos tradicionais relacionados directa ou indirectamente con todas as formas de violencia contra as mulleres.
Para isto escolleuse neste caso o formato de teatro participativo. Mediante unha proposta tipo Cluedo, estanse abordando estes contidos dunha maneira vivencial, lúdica, reflexiva e adaptada ás distintas idades. O alumnado non recibe só unha mensaxe expositiva, senón que participa activamente na investigación, analiza condutas, detecta estereotipos e constrúe conclusións a partir das pistas e das interaccións cos personaxes.
A campaña estase desenvolvendo mediante a realización dunha actividade educativa de 45 minutos por sesión nos cursos de 3º 4º, 5º e 6º de Primaria e tamén en 1º e 2º da ESO de cada centro. Son un total de 18 sesións e cada unha delas pode acoller un máximo de 60 estudantes.
Coa programación aproveitando os últimos días deste curso, as sesións desenvólvense no CEIP Figueiroa, Pérez Viondi, Cabada Vázquez, Oca, Villar Paramá, O Foxo, NS Lourdes, IES Avelina Valladares e IES Manuel García Barros.