Imagen Cabecera Común

Novos DESA para unhas instalacións deportivas cardioprotexidas

O departamento municipal de Deportes vén de adquirir dúas novas unidades de Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA), ao obxecto de substituír aos equipos existentes no Novo Municipal de fútbol e no campo de Callobre, cuxa antigüidade aconsellou afrontar unha renovación.

A concellaría que dirixe Ismael Pena vén dando mostras dunha aposta decidida por manter cardioprotexidas as instalacións deportivas municipais. Cada un destes equipos supón un investimento próximo aos 1.500 euros e incorpora o xogos de parches para adultos e pediátricos, elementos aos que é preciso facerlle un seguimento continuo porque presentan data de caducidade.

Os instalados

A Estrada Deporte colocou, meses atrás, cinco destes dispositivos de xeito estratéxico. A unidade do Pavillón Coto Ferreiro cubriría as devanditas instalacións, as piscinas municipais e o pavillón número 3 da Fundación de Exposicións, onde se realizan clases de loita e artes marciais. O DESA do Manuel Regueiro cubriría este campo de fútbol, as pistas de tenis e o centro A Estrada Pádel. O novo campo de fútbol ten tamén o seu propio equipo (agora renovado), que se empregaría igualmente, se fose preciso, nas pistas de atletismo. Os campos de Vea e Callobre posúen cadanseu desfibrilador semiautomático.

Os puntos de instalación deste equipamento pode observarse, na súa práctica totalidade, no Mapa DESA Galicia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061. No caso do Concello da Estrada figuran rexistrados xa 13 equipos, se ben as últimas incorporacións realizadas pola administración municipal elevarían esta cifra a 17.

No caso das instalacións deportivas, falta por engadir a correspondente ao Campo da Nogueira en Vea, aínda que está xa rexistrada. O Concello adquiriu tamén equipos que foron instalados na Casa das Letras, así como unidades portátiles para vehículos da Policía Local e de Emerxencias A Estrada.

No referido mapa, que pode ser consultado por calquera usuario para saber, no momento no que fora preciso, cal sería o DESA máis próximo, figuran tamén dúas unidades vencelladas a empresa privada, outras na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), piscina climatizada, Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, na Enfermería da residencia de maiores da Praza do Mercado, no CEIP Figueiroa, na Tesourería Xeral da Seguridade Social ou no Recreo Cultural da Estrada.

Scroll ao inicio
Ir o contido