A Policía Local da Estrada continúa co seu programa de mellora da sinalización viaria.
➡️ Novas prazas para usuarios das escolas infantís:
Xa están sinalizadas, tanto de xeito horizontal como vertical, novas zonas de parada para usuarios de dúas escolas infantís da Estrada que non contaban con este servizo.
No municipio existen catro escolas infantís. As dúas de carácter público (municipal e autonómica) xa dispoñían deste tipo de espazos, e existía desde hai tempo unha demanda para que as outras dúas tamén puidesen contar con esta mesma facilidade.
Estas zonas están delimitadas cunha liña amarela en zigzag e sinalización vertical específica, e poden empregarse exclusivamente para deixar e recoller aos nenos e nenas, entre as 08.00 e as 20.00 horas.
O obxectivo é facilitar o acceso das familias e mellorar a seguridade na contorna destes centros educativos.
➡️ Prazas de estacionamento para farmacias:
Tamén rematou o pintado das prazas reservadas para usuarios das farmacias.
Son de uso exclusivo para clientes, cun tempo máximo de 10 minutos e só para realizar xestións na farmacia.
⚠️ Importante: funcionan unicamente no horario de apertura da farmacia. Cando o establecemento está pechado, a praza pasa a ser de uso libre.
➡️ Novas actuacións en preparación:
A Policía Local mantén en marcha un programa de mellora da sinalización que inclúe actuacións detectadas pola propia unidade e tamén propostas realizadas pola cidadanía.
Entre as próximas intervencións previstas están:
🔹 Reorganización da rotonda que conecta Avenida de Santiago, Rúa da Cultura e Rúa 100, para ordenar o estacionamento, reubicar a parada do autobús da liña A Estrada–Santiago e mellorar o acceso aos garaxes da zona.
🔹 Melloras na rotonda da Rúa do Matadoiro, para facilitar que os autobuses que acceden á estación poidan realizar cambios de sentido con máis seguridade.
🔹 Actuacións puntuais para mellorar a visibilidade en saídas de garaxes ou habilitar novas prazas para persoas con mobilidade reducida.
Estas intervencións iranse executando progresivamente a medida que as condicións meteorolóxicas o permitan.