Novas prazas de estacionamento para farmacias: máximo 10 minutos

O Concello da Estrada comezou o pintado das novas prazas de estacionamento de uso específico para o servizo de farmacia, unha medida que busca facilitar o acceso á medicación a persoas con mobilidade reducida, idade avanzada ou que padecen algunha doenza.

Os traballos iniciáronse na rúa Pérez Viondi e continuarán noutras zonas do casco urbano 

Estacionamento limitado a 10 minutos

Estas prazas estarán destinadas exclusivamente a usuarios que acudan á farmacia, cun tempo máximo de estacionamento de 10 minutos. 

Desde a Xefatura da Policía Local recórdase que este espazo non pode empregarse para acudir a outros establecementos ou realizar xestións distintas, aínda que non se consuma o tempo máximo permitido.

O obxectivo é favorecer a rotación dos vehículos para que o maior número posible de persoas poida facer uso destas prazas cando necesiten acceder ao servizo farmacéutico.

Sinalización específica

As prazas contarán cunha sinalización clara e facilmente identificable. A marca horizontal incluirá fondo branco cunha cruz verde, símbolo asociado á atención farmacéutica, mentres que a sinalización vertical indicará o estacionamento e a limitación temporal de 10 minutos.

Chamamento á colaboración cidadá

Desde a Policía Local insístese na importancia de que a veciñanza faga un uso responsable destes estacionamentos, empregándoos unicamente para acudir á farmacia e favorecendo así a rotación.

Deste xeito, búscase que estas prazas cheguen ao maior número posible de usuarios, especialmente aqueles que precisan un acceso rápido e cómodo a un servizo directamente vinculado coa súa saúde.

Scroll ao inicio
Ir o contido