Nova app oficial do Concello da Estrada
O Concello da Estrada conta xa coa súa aplicación móbil oficial, unha nova ferramenta dixital deseñada para facilitar o acceso da veciñanza a toda a información cultural, social, deportiva e festiva do municipio desde un único espazo e en tempo real.
A app ten como principal obxectivo mellorar a comunicación entre o Concello e a cidadanía, ofrecendo contidos actualizados e accesibles desde o teléfono móbil. Entre as súas funcionalidades destacan a axenda cultural, a axenda participativa, a información sobre festas parroquiais, deportes, desenvolvemento local, asociacións e xuventude, así como o acceso directo á emisora municipal Radio Estrada.
A aplicación inclúe tamén un sistema de avisos e alertas de emerxencia, ademais de notificacións push configurables polo usuario, que permiten recibir información relevante de maneira inmediata.
Outra das súas vantaxes é que permite a publicación de eventos por parte dos usuarios.
Desde o punto de vista técnico, a app está integrada co portal municipal aestrada.gal, compartindo contidos e axenda, o que garante información única, sempre actualizada e unha xestión máis eficiente dos recursos.
Actualmente, a aplicación está dispoñible para dispositivos Android a través de Google Play, mentres que a versión para iOS atópase en desenvolvemento e estará dispoñible proximamente. Trátase dunha ferramenta con vocación de crecemento, que irá incorporando novas funcionalidades segundo as necesidades da cidadanía.
A aplicación foi presentada esta mañá polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, Javier Ramos, de AEstradaDixital, e Brais Saco, de ALIA Technologies.