Imagen Cabecera Común

Máis premios para o concurso do Entroido

Nun Entroido que incluirá este ano un festivo local (martes 17 de febreiro), as novidades chegarán xa no desfile do luns 16, para o que o Concello duplicará os premios en metálico. Así, os 2.860 euros distribuídos en 2025 increméntanse en 3.000 euros, chegando aos 5.860.

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Cultura explicaron que a idea é seguir fomentando a participación das grandes e vistosas comparsas. Conscientes de que son grupos moi numerosos, moitas veces chegados doutros concellos e de que realizan un importante esforzo económico nas súas creacións, a contía dos premios polos que compiten verase notablemente elevada.

Deste xeito, o desfile de Entroido do luns, que sairá ás 16.30 horas da Rúa Antón Losada Diéguez, reserva os seguintes premios:

  • GRUPOS

1º Pasa de 1.200 a 2.000 euros.

2º Pasa de 600 a 1.500 euros.

3º Pasa de 300 a 1.000 euros.

4º Pasa de 150 a 500 euros.

5º Para grupos locais. Pasa de 200 a 450 euros.

  • INDIVIDUAL (premios únicos)

-Infantil (ata 14 anos): 90 euros.

-Adulto: 120 euros.

  • PARELLA: 150 euros.
  • MASCOTAS: 50 euros e un saco de penso doado polo establecemento 4Canciños.

No tocante ao día máis tradicional do Entroido estradense, a concelleira de Cultura informou hoxe de que o vindeiro luns 26 de xaneiro volverá a celebrarse unha reunión coas parroquias e agrupacións locais que decidan participar na festa do martes 17 de febreiro, que será festivo na Estrada.

En todo caso, Lucía Seoane indicou que todas as agrupacións interesadas en sumarse a este percorrido están aínda a tempo de anotarse, debendo chamar á Alcaldía do Concello da Estrada para anotarse. Terán que facelo antes do día 26, xa que a reunión convocada está pensada para pechar detalles organizativos.

Cómpre sinalar que cada unha destas entidades participantes recibe unha achega de 700 euros. Non obstante, existe unha serie de requisitos que debe cumprir: ser unha comparsa formada por un mínimo de 10 persoas; levar unha carroza (non é preciso que sexa un camión), facer un pouco de “ruído” ou ter unha ambientación temática, de carácter libre.

A maiores, o martes de Entroido desfilarán pola Estrada os Xenerais de Santa Cristina de Vea. O sábado de Entroido haberá festa infantil e o domingo festa de disfraces na residencia de maiores.

Scroll ao inicio
Ir o contido