Concello da Estrada

Cultura

Luna Sanmartín, Xosé

Biografía

“Nacín na Estrada o 5 de setembro de 1.965. Crieime na casa familiar cos meus pais, irmá e avós, no número 88 da rúa Serafín Pazo, en pleno corazón do barrio de Bedelle.

Nos xogos da infancia sempre sentín que Bedelle era unha desas illas solitarias arrodeadas de tesouros que nos engaiolaban e tamén de perigos que nos acechaban.

O matadoiro, hoxe reconvertido no Museo Reimóndez Portela. A finca de Muñiz, que nós chamabamos a de Paradés, hoxe urbanizada como rúa 35. O cano do sifón, hoxe

(aínda que estreito) en moito mellor estado, a saída sur da illa. O Teatro Principal, ondeos soños se facían realidade a 24 imaxes por segundo. A fonte máis grande do mundo. O campo de fútbol da Baiuca, lembro un velliño que sempre levaba paraugas aos partidos, chovera ou nón.  As carreiras polo xardín. A carballeira de Leis, onde unha tarde de verán cravei un cristal nun pé e tiveron que darme doce puntos. A finca Paraíso, a do señor Joaquín, o torneiro, que á postre convertiríase no meu avó. As cereixas máis sabedeiras do mundo, as da señora Secundina. As obras de teatro que improvisabamos no fallado da miña casa. O señor Torres, que tiña como especialidade a caza, captura e exhibición de toupas. Os automóbiles antigos que había no garaxe de Campos. O arrecendo a verniz e viruta do taller de carpintería de Valcarcel…

 

Un par de veces á semana atravesabamos a Pinguela e iamos a Guimarei, á casa dos meus avós maternos, aquelo era fantástico… Velaquí algúns dos espazos vitais  da miña infancia.

 

Estudiei no colexio de Lourdes: a señorita Leonor regaloume un dos libros que máis veces relín na miña vida, Cinco Semanas en Globo. O meu profesor de 2º, un tecedor

de soños chamado David Otero, díxolle aos meus pais que ía rematar na NASA. En fin, cando rematei 8º de EXB, o director preguntoume qué quería ser ( estudiar); eu contestei, mestre e periodista.

 

Con trece anos pasei un mes de vacacións en Londres, na casa dos meus tíos, alí comprobei que había outros Ceos por descubrir.

 

Fun sempre por letras ata que, en 1.984, botei moza e comecei a ter un interés inusitado ( e obsesivo) polas matemáticas… en 1.992, namentres todos miraban as

Olimpiadas, casei con Regina, a miña noiva mátematica.

 

Antes, fixen en Santiago a carreira (Maxisterio) pola que tiña (teño) devoción  (vocación) e logo estudiei Xeografía e Historia, especialidade de Historia Contemporánea, tamén en Compostela.

 

No 2.000 naceu o meu fillo, Nicolás. Veu cunha historia marabillosa debaixo do brazo, O ano das mimosas, pero… esa é outra historia.”

 

A súa obra abrangue practicamente todos os xéneros literarios, xéneros que se completan co seu traballo a prol da edición de diferentes obras dramáticas que xustifican o único xénero que non saíu aínda da súa pluma. Así publicou dúas obras narrativas: AS COMETAS DA VIDA (Ed. Fervenza, 1.999), obra coa que acadou o Premio Roberto Blanco Torres, e O ANO DAS MIMOSAS (Ed. Fervenza, 2.000). A nivel de ensaio publicou A ESTRADA ROMÁNICA (Ed. Fouce, 1.999) e ONDE O SOL FACHEABA Ò AMAÑECER. VIDA E OBRA DE AVELINA VALLADARES NUÑEZ (Ed. Fouce, 2.000).

Tamén foi coordinador da obra MANUEL DANIEL VARELA BUXÁN. O PATRIARCA DO TEATRO GALEGO (Seminario de Estudios Deza, 2.000). Canto á lírica, a súa obra MEMORIAS DO CAIRO (Ed. Fervenza, 2.004) foi galardoada co premio “ Avelina Valladares” do ano 2.003.  Tamén é coautor co artista Manuel Fragoso da obra A MARCIAL VALLADARES. 100 ANOS (Fundación Cultural da Estrada, 2.003). Asimesmo realizou a edición da  obra completa de Marcial Valladares titulada CANTIGUEIRO POPULAR (Fundación Cultural da Estrada, 2.004). No eido teatral realizou a edición da obra de Manuel Bergueiro López, OLLO COS ESTUDANTES (Ed. Fervenza, 2.003) e da obra de Manuel D. Varela Buxán ¿ PISTA OU PESTE ? (Ed. Fervenza, 2.003) e a edición crítica de conversa CONVERSA ENTRE ARRIEIROS (Ed. Fervenza, 2.004) de Marcial Valladares. Ademais realizou a tradución e adaptación da obra de Varela Buxán GRACIAS, PADRE RAMÓN (Seminario de Estudios Deza, 2.004).

Obras

90 cousiñas

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Editorial: Edicións Fervenza
Descripción:
Como ben di o título do libro, 90 cousiñas son as que aquí se contan, con temas tan dispares como a felicidade, a amizade, Cunqueiro, novembro, o sorriso da Gioconda…En fin, un libro cargado de sensibilidade co que calquera de nós se pode identificar.

90cousas

A Estrada. Imaxes para a lembranza I

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Editorial: Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada
Descripción:
Xunto con outros tres escritores estradenses, elaboran un libro de fotogramas das estampas máis emblemáticas da vila desde finais do século XIX, facendo un percorrido por todo o século XX.

A Marcial Valladares, 100 anos

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Editorial: Fundación Cultural da Estrada
Descripción:
Conxunto de poemas adicados ao escritor Marcial Valladares co gallo do Centenario do seu pasamento. Os poemas van acompañados dunha ilustración do debuxante Manuel Fragoso.

100anos

Manuel Daniel Varela Buxán, o Patriarca do Teatro Galego

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Xénero: Ensaio
Editorial: Seminario Estudios de Deza
Colección: Deza Básicos
Páxinas: 222
Tamaño: x cms.
Encuadernación: Rústica
ISBN: 84-607-1538-8
Descripción:
A obra ofrece a estructura clásica de todo libro homenaxe, organizándose en dúas partes perfectamente definidas: a vida e a obra de Varela Buxán, na perspectiva de estudiosos, admiradores e amigos do gran `Patriarca do Teatro Galego’, e unha interesante recompilación documental sobre o seu quefacer teatral. A primeira parte, que se abre e pecha con dous traballos do coordinador, Xosé Luna Sanmartín : “Conversa con Francisco Pillado Mayor” e “Cronoloxía”. A segunda, contén traballos de Laura Tato Fontaíña : “Varela Buxán no Teatro Galego”, Dolores Vilavedra : “Por unha redescoberta do teatro de Varela Buxán”, X. C. García Couceiro : “O teatro militante de Varela Buxán”, Francisco Fernández del Riego : “Lembranza galega dun home de teatro”, Daniel González Alén : “Lembrando a Varela Buxán”, Daniel González González : “Varela Buxán na miña memoria”, Clotilde Iglesias : “Lembranza de Varela Buxán”, X. Mª López Pérez : “En Galicia con Varela Buxán”, Manuel Lorenzo : “A xesta e o xesto”, Carlos Morgade : “Daniel Varela Buxán e o grupo de teatro Xenio”, David Otero : “Aporte a unha coroa tesoural tan merecida”, Damián S. Payo Cangado : “A Varela Buxán”, e Xosé Vázquez Pintor : “Varela Buxán: o meu amigo levado”.

Marcial Valladares Núñez – Cantigueiro Popular

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Xénero: Poesia
Editorial: Fundacion Cultural da Estrada
Páxinas: 339
Tamaño: 14,5 x 23,7 cms.
Encuadernación: Rústica
ISBN: 84-609-0076-2
Descripción:
Publicación co gallo do centenario do pasamento do ilustre escritor de Vilancosta, que se enmarca dentro da proxección de edicións a partires de terlle dedicado o Concello da Estrada o Ano Cultural 2003.

Trátase dunha edición que recolle apuntamentos de carácter biográfico do escritor estradense, e que trata tamén de dar a coñecer unha das súas obras máis sobranceiras “O Cantigueiro Popular”, que Marcial comezou na década dos corenta e que remataría no ano 1869, aínda que seguiría arrequentándoo con sucesivos apéndices nos anos 1879 e 1899; para iso Xosé Luna Sanmartín seguiu os dous manuscritos, sitos na biblioteca do casal de Vilancosta, propiedade dos herdeiros dos Valladares.

cantigueiropopular

Memorias do Cairo

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Xénero: Poesía
Editorial: Edicións Fervenza
Colección: O Cartafol de Vilancosta – Collectione
Páxinas: 64
Tamaño: 22 x 16 cms.
Encuadernación: Rústica
ISBN: 84-933317-3-2
Descripción:
Memorias do Cairo é un poemario solido, dotado dunha inusual coherencia e no que sobrancea o xogo de planos de voz poética, ao tempo que nos sorprende a ironia, moitas veces acompañada pola desazón, como se fose unha maneira de esconxurar a dor…

Miro Villar no epilogo do libro.

Memorias do Cairo foi a obra ganadora da VII edición do premio Avelina Valladares Nuñez de Poesía, convocado polo Concello da Estrada

No pazo de Laiovento.”Conversas con Francisco Pillado Maior”

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Editorial: Espiral Maior
Descripción:
Froito de máis de trinta horas de conversas gravadas do escritor estradense a un dos máis grandes intelectuais das nosas letras, precisamente nun dos lugares preferidos deste último, o pazo de Laiovento.

O ano das mimosas

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Xénero: Relato
Editorial: Edicións Fervenza
Páxinas: 56
Tamaño: 15,9 x 21,0 cms.
Encuadernación: Rústica
ISBN: 84-930917-1-5
Descripción:
O texto compreto pode lerse premendo aqui

oanodasmimosas

Onde o sol fachea ó amañecer

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Xénero: Ensaio
Editorial: Edicións Fouce
Colección: Strata
Páxinas: 249
Tamaño: 17,0 x 23,6 cms.
Encuadernación: Rústica
ISBN: 84-95429-05-5
Descripción:
Tratase dun estudo sobre a vida e a obra de Avelina Valladares, a cantora da Ulla como a chamou Manuel Garcia Barros e unha das mulleres que participou no rexurdir das letras galegas. A primeira parte do libro deriva da investigación directa sobre documentación de arquivos e da analise de varios artigos que sobre a vida da escritora foron publicados en distintos xornais. A segunda parte e unha edición da obra da escritora existente en tres cadernos que levan por titulo Avelina Valladares y sus poesias Vilancosta 1902.

Se o sei non volvo á casa – Taberna sen dono

Autor: Luna Sanmartín, Xosé
Editorial: Edicións Xerais
Descripción:
Edición de Xosé Luna Sanmartín sobre dúas pezas tetarais de Manuel Daniel Varela Buxán. Presenta unhas mínimas modificacións gráficas e a acentuación ortográfica está adaptada á normativa vixente. Polo demais, mantívose un total respecto ás dúas obras, incluíndo as múltiples variantes das palabras que aparecen ao longo da obra.

Inclúe unha ampla traxectoria pola vida e obra do autor, achegando fotografías onde aparece rodeado de familiares e amigos.

se o sei non volvo a casa

Scroll ao inicio
Skip to content