Concello da Estrada

Cultura

Lueiro Lemos, Xosé

Biografía

Naceu en Bemil ( Caldas de Reis) no ano 1.969. Pasará os seus primeiros anos a orelas do Umia. Á idade de tres anos trasladarase a vivir á Estrada. Na súa etapa escolar comeza a familiarizarse coa literatura de Enid Blyte, Robert Louis Stevenson, Jules Verne, Arthur Conan Doyle… A finais do Bacharelato unha guitarra acadada nun sorteo dunha tómbola levarao a emprender un percorrido musical no seo do grupo “ La  Señal”, co que gravará catro discos. El escribe e interpreta a meirande parte dos temas. Compaxina a música cos seus estudos na Facultade de Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela, onde comezará a profundizar nos clásicos da literatura galega Unha vez finalizados os estudos, e co gallo de difundir a actividade teatral polas parroquias da Estrada, será un dos fundadores do Grupo de Teatro Municipal “ Os Tirinautas”, grupo que nos seus comezos porá en escena diferentes textos adaptados e orixinais de clásicos estradenses coma Avelina Valladares, García Barros, Varela Buxán. Ao mesmo tempo tamén é un dos que artellan o festival “ Viven”, coa pretensión de unificar a dispersa comunidade de músicos estradenses. Será asimesmo un dos fundadores da folla poética “ Augas Verso”, coa finalidade de difundir a obra poética de autores estradenses. No ano 2.002 escribe a banda sonora dunha comedia musical “ El Zorro”, estreada no teatro Calderón de Madrid e comeza a se adicar con máis intensidade á faceta de cantautor. Por outra banda, as montaxes do grupo de teatro local, baixo a súa dirección, acadan un éxito sen precedentes coa obra  “Ensalada de Mosquito” .

 

Ten publicadas dúas obras, unha de poesía titulada ANTOLOXÍA DUN NAUFRAXIO ( Galinova, 2.000) e unha adaptación teatral do extenso poema de Avelina Valladares “ Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego” titulado AS PAPOULAS DO PEREGRINO ( Ed. Fervenza, 2.002).

Obras

Antoloxía dun naufraxio

Autor: Lueiro Lemos, Xosé
Editorial: GaliNova
Descripción:
Antoloxía poética dun autor novo, polo que sorprende a angustia existencial que a preside. O eu poético bota en falta a xuventude perdida, sente con premura o paso do tempo, e fainos copartícipes dos seus sentimentos. Hai un atisbo de esperanza nalgún dos seus versos, pero na maioría destes fermosos poemas, sobresaen temas coma a morte, dor, esquecemento…

antoloxiadunnaufraxio

Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego

Autor: Lueiro Lemos, Xosé
Editorial: Edicións Fervenza
Descripción:
Versión teatral dun poema de Avelina Valladares, mantendo en pé temática e contidos.

Scroll ao inicio
Skip to content