Iria Collazo López gaña o Premio Manuel García Barros con “A espera”

A escritora e profesora Iria Collazo Castro proclamouse este mediodía gañadora do Premio Manuel García Barros, que convoca o Concello da Estrada, coa súa novela “A espera”, unha peza literaria de amor e desamor que será publicada por Editorial Galaxia no mes de xuño, coincidindo co acto de entrega do prestixioso galardón que leva o nome de Ken Keirades.

O xurado do XXXVIII Manuel García Barros estivo formado por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario. O equipo encargouse de valorar as 19 novelas que se presentaron a esta edición e adoptaron a súa resolución por unanimidade, recoñecendo que a peza que resultou ser da autoría de Iria Collazo (natural de Barro pero afincada en Moaña) tivo unha digna competidora na terna final.

A obra gañadora foi presentada baixo o lema “A espera. Dúas historias de amor”. O xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.

Sinalan tamén que está narrada “coa forza dos sentimentos encontrados”. “As pulsións emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que ninguén sae indemne”, sosteñen.

Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas,conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela luminosamente”.

Comunicación

Coñecido o fallo, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, foi a encargada de chamar a Iria Collazo para comunicarlle a concesión do premio, que acolleu con profunda sorpresa e ledicia.

O Concello da Estrada entregará o Premio Manuel García Barros nun acto público e aberto que se celebrará mediados do vindeiro mes de xuño. Nese intre, Editorial Galaxia terá xa publicada a novela gañadora. Ademais da publicación da peza, o galardón ten asociado un premio económico de 9.000 euros.

“A espera” sucede na nómina de obras premiadas co García Barros a “Punto de Araña”, de Nera Pallares, unha novela moi ben recibida polo público e que xa foi traducida ao castelán e ao catalán.

Scroll ao inicio
Ir o contido