Imagen Cabecera Común

O Concello da Estrada inaugurará este xoves, 18 de decembro, a terceira das exposicións incluídas no ciclo “A Estrada Mostra”. Despois de profundar nas figuras de Manuel Reimóndez Portela e Avelina Valladares Núñez neste último trimestre do ano, a Casa das Letras brindará agora o seu espazo para acoller a montaxe de “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza”, impulsada pola Fundación Penzol.

A inauguración está programada para as 19.00 horas. Contará coas intervencións do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo, e o comisario da mostra, presidente da Real Academia Galega e director da Cátedra Castelao, Henrique Monteagudo. Este último ofrecerá aos asistentes un percorrido guiado pola exposición.

A serie de paneis poderá visitarse na Casa das Letras de luns a venres, de 09.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas, agás os mércores. A chegada desta mostra suporá, ademais, o broche no municipio deste 2025 como Ano Castelao, promovido pola Xunta de Galicia. Trátase dunha exposición divulgativa que percorre o proceso de creación do libro “Sempre en Galiza” e o contexto histórico no que xurdiu o Consello de Galiza, organismo presidido polo propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Scroll ao inicio
Ir o contido