O Concello da Estrada dá un novo paso no avance das obras de reforma e humanización da Praza de Galicia e da súa contorna. Hoxe mesmo está previsto que comecen os traballos de formigonado da plataforma reservada á circulación de vehículos, unha actuación que permitirá abrir ao tráfico esta zona neurálxica da vila de maneira definitiva antes da Semana Santa.
Segundo explicou o alcalde, Gonzalo Louzao, os traballos desenvolveranse ao longo deste xoves, mañá venres e o vindeiro luns, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Durante estas xornadas aplicarase o formigón definitivo na plataforma pola que circularán os vehículos, substituíndo o formigón de limpeza empregado ata o momento. Unha vez rematada esta fase, será necesario deixar pasar uns días para que o material seque e consolide antes de restablecer o tránsito rodado.
A previsión municipal é que os vehículos poidan volver circular polas rúas Pérez Viondi, San Paio e Rúa 56 a finais deste mes de marzo, recuperando así a normalidade na circulación nesta contorna antes do inicio da Semana Santa.
“Exemplaridade”
Louzao recoñeceu que as últimas semanas foron de intenso traballo e que as obras xeraron molestias no día a día de veciños, comerciantes e servizos. Neste sentido, quixo agradecer publicamente a comprensión e a “exemplaridade” amosada pola veciñanza e polo tecido comercial durante o desenvolvemento dos traballos. Ao mesmo tempo, destacou que o proxecto entra agora nunha nova etapa na que comezarán a verse con máis claridade os resultados e o impacto positivo desta actuación no centro urbano.
O alcalde subliñou que co formigonado da plataforma para vehículos pecha unha das fases importantes da obra. Os traballos previos realizados nas últimas semanas permitiron preparar o terreo para esta actuación e delimitar a zona que funcionará como capa de rodadura para o tráfico, diferenciada tamén polos materiais empregados respecto do resto do espazo peonil.
Unha vez completado o formigonado, as obras centraranse xa na Praza de Galicia propiamente dita. Nesta fase abordarase a configuración do novo espazo peonil, co empedrado que definirá a amplitude da praza, así como a instalación de mobiliario urbano, iluminación e elementos singulares como a nova fonte.
A “guinda”
O rexedor sinalou que esta intervención permitirá comprobar a dimensión do espazo público que se gaña nun lugar que ata agora funcionaba como unha rotonda de tráfico. Neste sentido, indicou que, do mesmo xeito que a peonalización das rúas Calvo Sotelo e Ulla resultou un éxito, a transformación da Praza de Galicia aspira a converterse na “guinda” do proceso de humanización do centro da Estrada.
A medida que avancen os traballos tamén se irá recuperando a normalidade nos servizos públicos da zona, incluíndo os espazos de carga e descarga, así como as paradas de autobús e taxi, que contarán con zonas reservadas dentro da nova configuración da praza.