A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e José Garrido presentaron este mediodía a programación para o Festival Folclórico do Salmón, organizado pola agrupación local Tequexetéldere. O evento terá lugar o sábado 16 de maio ás 19.30 horas no Teatro Principal.
Nesta ocasión, o grupo anfitrión contará coa participación do Grupo Coros y Danzas Villa de Leganés, formación nacida en 1982 no seo da Casa de Extremadura de Leganés e dedicada á recuperación e difusión do folclore tradicional. O público poderá gozar dun repertorio variado con pezas como fandangos, rondeñas, boleros, xotas ou seguidillas, interpretadas con estampas costumistas e vestiario tradicional das distintas rexións extremeñas.
Pola súa banda, Tequexetéldere ofrecerá unha selección de carballesas, maneos, xotas e muiñeiras nun espectáculo duns 70 minutos dividido en dúas partes. Como é habitual, o festival contará tamén coa participación do alumnado das escolas da agrupación, que amosará o traballo realizado ao longo do curso.
As invitacións poden recollerse xa no Departamento de Cultura do Concello ata o propio día da celebración.
Esta edición ten un carácter especial para Tequexetéldere, que inicia a conta atrás para a súa participación na 55ª edición do Festival Interceltique de Lorient, onde actuará durante case dúas semanas este verán. O Festival Folclórico do Salmón supón así unha das citas preparatorias para esta importante presenza internacional, que continuará coa tradicional actuación no curro de Sabucedo durante a Rapa das Bestas.
Dende o Concello convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta proposta cultural que combina tradición, música e danza.