Festa de Pre-Fin de Ano na Estrada
A Estrada probará este ano o formato das festa Pre Fin de Ano que tanto éxito están tendo noutros concellos. O alcalde, Gonzalo Louzao, acompañou ao representante de Eventos Piñeiro SL, Jorge Silva, na presentación do evento, programado para o vindeiro 26 de decembro.
A festa está incluída dentro da programación de Nadal que o Concello da Estrada dará a coñecer nos próximos días e está especialmente pensada para a xuventude.
Celebrarase no recinto da Fundación de Exposicións e Congresos, con apertura de portas ás 21.00 horas e inicio das actuacións ás 21.30.
O cartel está composto por DJ Marcos Quintana, a orquesta París de Noia, DJ Carlos López, Dumore e o DJ Michenlo.
As entradas están xa á venda online (en Ataquilla) e nos vindeiros días informarase dos puntos de venda físicos. Haberá unha primeira remesa ao prezo de 12 euros. Despois serán a 15.
O aforo previsto é de 2.000 persoas.
Dende o Concello e a organización explicouse que se apostou por este novo formato, ensaiado con éxito en municipios próximos como o de Silleda, en datas nas que moita xente está de vacacións e decindido colocalo nun venres, sen coincidir coa noite do 31 de decembro, para non prexudicar á actividade hostaleira nun día de moito negocio.