Exposición sobre Avelina Valladares
“Xoíña de España, adorada Galicia, verxel dos encantos dos puros amores. Esperta, que o tempo chegou da xustiza, e a portas alleas non pides favores”. Estes simbólicos versos da Cantora da Ulla, pertencentes ao poema “Miña Xoia”, son a idónea carta de presentación para a exposición “Avelina Valladares. Dona de seu”, que a Casa das Letras inaugura este xoves ás 19.00 horas. A mostra chega co gallo do bicentenario do nacemento de Avelina Valladares Núñez, cumprido o 23 de outubro, e no marco do Ano Cultural 2025 no que o Concello da Estrada quixo homenaxear á escritora de Vilancosta (Berres).
Co apoio da Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a exposición está comisariada polo director de Produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez Dono. Aglutina fondos gráficos do fotógrafo Tono Arias, da ilustradora Rosa de Cabanas, de Hortensia Iglesias, o arquivo familiar Ferreirós Domínguez, o Museo do Pobo Estradense, Editorial Galaxia e a Fundación Penzol.
O acto de inauguración contará coa asistencia do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, de Xesús Domínguez e de Mari Carmen Ferreirós, en representación da familia.