Axenda Eventos
Axenda Cultural

IV Semana das Artes Galegas

📅 Data: 23 Marzo 2026
📍 Lugar: CMUS A Estrada
🎟️ Prezo: de balde
✍️ Autor: CMUS A Estrada

A Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas de 2026 ao fotógrafo nacido en Allariz, José Suárez. Como é habitual, desde o Conservatorio Profesional de Música da Estrada sumámonos á celebración da efeméride cunha serie de actos que ao longo dunha semana, converterán o noso centro nun espazo de encontro, creación e celebración artística.

Máis alá da figura homenaxeada en cada edición, entendemos o Día das Artes Galegas como unha oportunidade para situar a música no centro desta celebración, como protagonista e fío condutor.

Ao longo da semana desenvolveranse unha exposición, concertos, ponencias, actividades didácticas e iniciativas abertas a toda a comunidade. 

Celebrar as Artes Galegas é, para nós, reafirmar que a educación musical non só forma intérpretes, senón persoas sensibles, críticas e comprometidas coa cultura. Convidamos a toda a comunidade a acompañarnos nesta semana especial e a compartir a emoción da música como arte que une, inspira e celebra Galicia. 

DÍA 23 PONENCIA – 19:00 H – auditorio do cmus 

Este ano 2026 celébrase o bicentenario do nacemento do compositor Marcial del Adalid y Gurrea. Da man de Margarita Viso, pianista, compositora e editora, cunha destacada traxectoria na investigación e difusión da música galega, achegarémonos a esta figura clave do Romanticismo español e pioneira do Rexurdimento musical galego.

DÍA 24 CONCERTO – 19:00 H – auditorio do cmus

Expresamos o noso sincero agradecemento a Roi Alfonso por regresar á que sempre será a súa casa, compartindo coa actual xeración de alumnado non só música, senón tamén exemplo, experiencia e ilusión. 

PROGRAMA

  • ·Babioles (I. Jongleur de sons, VI. Gnome fantaisie) – Marc Monnet 
  • ·Sonatine – Claude Pascal
  • ·Mysterious Morning III – Fuminori Tanada 
  • ·Concerto – Pierre Max Dubois
  • ·Lutte – Thierry Escaich 
  • ·Brillance (III Mov.) – Ida Gotkovsky

DÍA 25 PRESENTACIÓN – 19:00 H – auditorio do cmus 

O alumnado do 6º curso de Grao Profesional do Conservatorio presenta o traballo titulado “A música tradicional galega a través da fotografía”, no que exploran a nosa herdanza musical desde unha ollada artística e documental. Ao longo da presentación achegarémonos a tres manifestacións fundamentais da tradición musical galega, empregando a fotografía como fío condutor dun percorrido que une memoria e creación. As imaxes non só amosan músicos ou instrumentos, senón tamén persoas, espazos e formas de vida que manteñen viva a identidade cultural do noso pobo. 

DÍA 26 CONCERTO – 19:00 H – Teatro principal 

A Orquestra do Conservatorio Profesional, súmase a esta celebración cun programa que busca establecer o diálogo entre a mirada humanista do artista de Allariz e a sonoridade da nosa propia tradición, como a música de Marcial del Adalid e a vangarda musical. 
A través deste repertorio, os xóvenes intérpretes da nosa Orquestra convidan ao espectador a unha viaxe sensorial empregando o timbre e a armonía para dar voz á nosa identidade. 

EXPOSICIÓN – todos os días no 1º andar do cmus

É para nós unha satisfacción contar un ano máis coa colaboración dunha creadora da nosa contorna, reforzando así o compromiso do centro coa cultura e o talento local.

Así, entre as actividades programadas ao longo da semana destacamos a exposición “Fotografía para o cambio”, da artista Aroa Martínez, que poderá visitarse no primeiro andar do Conservatorio durante os catro días de celebración do festival. Baixo o suxestivo lema “O que xa non é. A perda como posibilidade”, a mostra propón unha ollada intimista e introspectiva sobre aquilo que xa non está. A través de fotografías de rostros e espazos de A Estrada que desapareceron ou mudaron co paso do tempo, a artista constrúe un diálogo entre memoria e presente, entre ausencia e oportunidade. Agardamos que esta exposición se convirta nun espazo de encontro entre lembranza e transformación, dialogando coa música que vertebra todo o festival e sumando a súa voz ao conxunto da celebración das artes. 

Scroll ao inicio
Ir o contido