Convócase en Galicia o bono alugueiro á mocidade
INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2025 pola que se procede á convocatoria do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).
Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025, con carácter plurianual, o programa Bono alugueiro mocidade para facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias (código de procedemento VI482E).
Requisitos das persoas beneficiarias
a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.
b) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estadía ou residencia regular en España.
c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é exixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.
d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos.
f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento, nos termos previstos nesta resolución.
Concederaselles ás persoas beneficiarias unha axuda de 250 euros mensuais, co límite da renda mensual, do prezo da cesión ou, de convivir con outras persoas, do importe que lle corresponda satisfacer á persoa beneficiaria
A axuda concederase ás persoas beneficiarias polo prazo de dous anos.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o cal comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
APERTURA PRAZO SOLICITUDE: XOVES 27 DE FEBREIRO
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora nesta resolución como anexo I.
Documentación complementaria
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso.
c) Referencia catastral da vivenda, no caso de que non figure no contrato.
d) Documento asinado pola persoa arrendadora en que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que estean incluídos os gastos de comunidade e/ou anexos, como garaxes ou rochos, cuxo importe non estivese desagregado.
e) Compromiso asinado pola persoa arrendadora e arrendataria/s da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso, no caso de non dispoñer de contrato, en que consten os seguintes datos:
– O importe da renda ou prezo da cesión individualizado, sen incluír os anexos da vivenda e gastos de comunidade.
– O concello onde se localice a vivenda.
– A referencia catastral da vivenda.
– As persoas arrendatarias que subscribirán o dito contrato
– A data de efectos económicos do contrato.
f) Certificado ou volante de empadroamento colectivo, en que conste a data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou en que se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión, no caso de que teña contrato. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude. No caso de que na vivenda resida unicamente a persoa solicitante, o certificado deberá facer constar expresamente esta circunstancia.
g) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos das bases reguladoras e da convocatoria.
Acceso á orde de convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/
ACCESO Á SOLICITUDE: https://sede.xunta.gal/
No caso da Estrada, botarémosche unha man para a súa tramitación desde o departamento de EMPREGO E XUVENTUDE. Podes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte poloas nosas oficinas sen necesidade de cita previa en horario de 9.00 a 14.00 horas.