Concello da Estrada

Consulta Veciñal sobre a Farola da Praza de Galicia

O Concello da Estrada abre unha consulta para que os veciños e veciñas poidan decidir o futuro emprazamento da Farola no marco do proxecto de humanización da Praza de Galicia. Esta decisión responde ao interese amosado pola cidadanía e á vontade do goberno local de contar coa opinión veciñal sobre un elemento patrimonial tan significativo para a vila.

A votación celebrarase os días 8 de novembro (de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00) e 9 de novembro (de 10:00 a 13:00), e estará aberta a todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas na Estrada. As urnas estarán situadas no edificio do Concello, onde cada persoa poderá exercer o seu voto presentando o DNI.

A consulta veciñal inclúe dúas decisións clave:

A nova ubicación da Farola: As persoas participantes poderán elixir entre tres opcións propostas polos técnicos municipais:

1.Farola na zona central da nova praza onde actualmente atópase a escultura dedicada á Rapa das Bestas.
2. Farola na zona central superior da nova praza peonil.
3. Farola na zona central inferior da nova praza peonil, á beira dunha nova fonte.

Elección do modelo de Farola:
Tamén se consultará á veciñanza sobre cal das dúas farolas prefire:
A.) Farola histórica orixinal de pedra de 1840 que hoxe está situada na Praza do Mercado.
B.) Farola de 1985 que hoxe está na Praza de Galicia.

Unha vez pechada a votación o sábado 9, realizarase o reconto público dos votos, ao que poderán asistir todas as persoas interesadas.

Esta iniciativa responde á vontade do goberno local de manter un diálogo aberto coa veciñanza sobre temas de interese común. Dende o Concello agradecemos a implicación de todos os que participen nesta consulta, que permitirá que a Praza de Galicia continúe sendo un espazo de encontro e identidade para A Estrada.

Scroll ao inicio
Skip to content