A Asociación Maceira e Sidra e o Concello da Estrada porán en marcha mañá mércores a venda anticipada de vasos para gozar da XIII Feira da Sidra, que se celebrará na Praza da Constitución o vindeiro 6 de xuño. Os organizadores pretenden despachar máis do 50% dos vasos por adiantado, ao obxecto de evitar colas no marco da degustación das sidras que estarán representadas no certame.
A venda anticipada veu funcionando ben para a Feira da Sidra nos últimos anos. En 2024 vendeuse deste xeito o 30% dos vasos, mentres que en 2025 xa se comercializaron por adiantado a metade dos dispoñibles. É por iso que neste 2026 se agarda superar esta porcentaxe, axilizando o discorrer da degustación en beneficio de todos. Co vaso xa na man, os participantes poderán pasar directamente a saborear as sidras presentes.
Cómpre lembrar que este ano serán 4.000 os vasos que se porán á venda. Neles escanciaranse 5.000 litros de sidra, 1.000 máis que o ano pasado. O prezo dos vasos situarase en 9 euros e dará opción a catar as sidras tantas veces como se desexe.
Poden retirarse nun local do Novo Mercado os mércores e sábados, coincidindo co horario da praza.