Concello da Estrada

Cultura

Carballude, Pepe

Biografía

“..Nacín na aldea de Rubín, na Estrada, Pontevedra, o 15 de Agosto de 1.956. Tanta presa tiña por chegarque me presentei o día da Festa e xa comín á mesa cos festeiros.

Disque a madriña Consuelo paraba a xente que ía  para a misa cantada e dáballe a grande nova. A pobre nom podía disimular o contento que lle  producía o seu primeiro netiño.

 

Na nosa casa non había libros nin enciclopedias. Por iso lin poucos contosde pequeño, peroá hora de durmir, Rosa e Francisca, as mulleres que lles botaban unha man a meus pais nos trafegos do campo, contábanme unha chea de historias de lobos adoecidos, de fantasmas que volvían  a este mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos.

Meus irmáns e máis eu quedabamos toda a noite a soñar con aqueles relatos.. Coido que de aí prendeu en min o gusto por fabular.

 

Os primeiros anos paseinos na aldea, axudando nos labores da terra e xogando cos outros rapaces sempre que poidamos. No verán, mentres os pai durmian a sesta, bañabámonos no río que pasaba polo fondo das brañas onde  se podían atopar sacos con gatiños ou cadelos afogados. De vez en cando axexabamos cómo se bañaban  as rapazas e despois escolliámolas de mozas. Normalmente elas non sabían nada. Outras veces dábasenos por entrar nas hortas dos veciños a coller  froita, a mesma que tiñamos nas nosas, pero a roabada sabía mellor. Tamén  andabamos ós niños de paxaro ou pillabámolos con paxareiras, armabámoslles ás  troitas de noite, xogabamos o fútbol, corriamos coa chinga… E ademáis eu era o sancristan. Así matabamos a holganza.

Cando cumprín doce anos marchei para Ourense. Estudiaba no instituto e vivía interno nun colexio menor. Era a primeira vez que saía ó “    estranxeiro” e doeume moito.

Pola noite lembrábame da casa da aldea, ruín  pero agarimosa, dous irmáns, dos amigos, do can que me axudaba a tornar o gando, da troula… Na cidade non había nada diso. Non tiña queixa, pero faltábame a gárrula dos meus.

Metinme de cheo nos libros e rematei o bacharelato no ano 1.975. En Ourense coñecínalgúns dos escritores que máis admiro: Blanco Amor, Carlos Casares, Méndez Ferrín… Foi un descubrimento porque eu pensaba que todos os escritores estaban mortos, por iso saían nos libros.

Despois  fun estudiar Filología Clásica a Compostela, a miña vocación desde terceiro de bacharelato. O mundo antigo ,de lendas e deuses caprichosos, atraíanme moito. Alí afondei na lectura de escritores gregos e latinos como Homero, Sófocles, Virxilio, Ovidio, Horacio… A ele débolles unha estética e un xeito de contar.

No ano 1.980 licencieime en Filoloxía Clásica e marchei a dar clase a Cabeza del Buey (    Badajoz).Ó ano seguinte aprobei as oposicións de agregado de Latín e destináronme a Vlilagarcía. Despois volvín a Badajoz, desta volta a Don Benito. Aquel ano fixenme catedrático de Latín e pasei a Carballo. Na actualidade estou no IES “    Xosé Neira Vilas” de Perillo – Oleiros (   A Coruña). Esta é a miña vida, unha  fotografía en branco e negro que non se pode cambiar”.

 

A súa andaina literaria comeza no ano 1.986, especializándose no apartado da literatura infantil e xuvenil, á que se adicará case en exclusiva. Así no ano1.986 acada o 1º Premio na 3ª edición do Certamen literario “   O Barco de Vapor” coa súa obra OS GAZAFELLOS (   Edit. S.M ., 1.987). Continuará coa obra O XÍLGARO PINTOR (   Edit. Galaxia, 1.987). No ano 1.989 publicará tres obras: ANDAINAS DE PEDRO CHOSCO (    Edit. S.M., 1.989), O TALISMÁN DOS DRUÍDAS (   Edit. Galaxia / Everest, 1.989) e INVESTIGACIÓN 091

( Edit. S.M., 1.989   ). Cada vez a súa  pluma  ten máis presentes aos lectores máis xoves e así no ano 1.990 volve acadar  de novo  o premio “   O barco de Vapor”,

Coa obra O DEUS DESAPARECIDO ( Edit. S.M., 1.990), escrita  en conxunto con Andrés García  Vilariño. Neste mesmo ano tamén verán a luz OS ENREDOS DE OLALLA (   Edit. Sotelo Blanco / Everest, 1.990   ) e aparecerá traducida ao catalán a súa INVESTIGACIÓ 091 (   Cruilla- S.M., 1.990) No ano 1.992 publicarase a obra A FRAGA MISTERIOSA (   Edit.  S.M., 1.992), que fora obra finalista no premio “    O barco de Vapor” do ano 1.987  Continuará coa HISTORIA DO HOME CAN (    Edit S.M., 1.993 / Everest, 1.994),  con ¡   MALDITO D.N.I.! (    Edicións Xerais de Galicia, 1.994) e con S.O.S. (    Edit. Galaxia, 1.994.).  Ata o ano 1.997   non volverá a publicar ningunha obra narrativa, algo que fará coa súa obra ROMAXE DE DESVENTURAS (   Edit. Rodeira, 1.997), que tamén será traducida ao castelán ese mesmo ano (   Edit. Edebé, 1.997). Asimesmo sairá da súa pluma a colaboración A PARTIDA DE AMAIRXÉN (   Asociación Cultural Neira de Vimianzo, 1.997). No ano 1.999 publicará as obras ANDREA QUERE SER MAIOR (    Edit. Everest, 1.999) e MIMOS E MÁIS MIMOS (    Edit. Galaxia, 1.999). No 2.001 sairá  á rúa PAISAXE CON FONDO GRIS (   Edit.  Galaxia, 2.001) e ao ano seguinte DE CÓMO O SANTO DOS CROQUES SE FAI PEREGRINO (   Edit. S.M., 2.002), obra  coa que acadou o 1º premio do certame “   O barco de Vapor” dese mesmo ano. Tamén desde ano será a súa colaboración, non de literatura infantil e xuvenil, “Todo ten o seu valor” (    “    Relatos de verán”;  La Voz de Galicia, 2.002)

.

Con todo, Pepe Carballude tamén posúe  outras obras, principalmente traducións de obras da literatura clásica ao noso idioma;   así temos: A GALICIA ROMÁNICA, L.G. BANGO TORVISO (   Edit.Galaxia, 1.987), AS FÁBULAS DE FEDRO (    Xunta de Galicia, Clásicos en galego, nº 2. Edit. Galaxia, 1.988),  esta en conxunto con Xosé Mª Liñeira Reboredo, A VIDA DIÁRIA DOS ROMANOS

(    Texto editora, 1.995), que é unha tradción ao portugués da mesma obra publicada en castelán (    Edit. S.M., 1.989), SOBRE A VELLEZ / SOBRE A AMIZADE, de Cicerón (    Xunta de Galicia, Clásicas en galego, nº 14. Edit. Galaxia, 1.995),  tamén en conxunto con Xosé Mª  Liñeira Reboredo. Amais  cómpre salientar  as súas colaboracións “   Do meu rueiro” en MANUEL REIMÓNDEZ PORTELA NA LEMBRANZA (   Edición do Castro, 1.996), nunha obra homenaxe ao estradense D. Manuel Reimóndez Portela, ou  “    Un esquema para a  análise visual do latín” (   Rev. Trevo, nº 5, Ourense)

Obras

De cómo o santo dos croques se fai peregrino.

comoosantodoscroques Autor: Carballude, Pepe Xénero: Xuvenil Editorial: Ediciones SM Colección: O Barco de Vapor Páxinas: 143 Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-34838528-X Descripción: ¿Imaxinades por un intre que a escultura do Mestre Mateo e máis un par de figuras do Pórtico da Gloria cobrasen vida e se pusexen a facer o Camiño de Santiago?. Ese é o argumento do presente libro, escrito con humor e a imaxinación caracteristicas do autor, que se amosa seguidor dunha tradición literaria moi nosa.

Investigacion 091

investigacion091 Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Ediciones S.M. Colección: Gran angular Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-3482623-2 Descripción: O tráfico e consumo de drogas en Areal do Conde, suposta vila das Rías Baixas, centran a acción desta novela, que se desenvolve en torno a tres protagonistas: Xavier, alumno de instituto enfermo de hepatite; Manolo Longueira, profesor de inglés que resulta ser un policía e Rosa, telefonista que recaba información para unha reportaxe na revista “Pulso Semanal”, na que lle gustaría traballar.

Maldito D.N.I.

malditodni Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Xerais Colección: Fora de xogo Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica Descripción: ¡Maldito D.N.I.! é a historia de Olimpio Montes, biólogo de profesión, que despois de chegar á conclusión de que o maior atranco dunha persoa para ser feliz é o Documento Nacional de Indentidade, toma a decisión de morrer legalmente e así vivir á marxe da burocracia moderna.

Mimos e mais mimos

mimosemaismimos Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Galaxia Colección: Árbore Páxinas: 71 Tamaño: x cms Encuadernación: Rústica ISBN: 84-8288-279-1 Descripción: Olalla é unha nena espelida e riquiña. Pero non é unha santa. Cando naceu a súa pequena irmá Andrea, apareceron uns seres estraños na casa. Son os Mimos, están todo o día enleando a Olalla que é a única que sabe deles, pois son invisibles para os demais…

O deus desaparecido

odeusdesaparecido Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: S.M. Colección: O Barco de vapor Páxinas: 128 Tamaño: 19 x 12 cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-348-3440-5 Descripción: Premio O Barco de Vapor 1990 O conductor dun tráiler vese de súpeto escoltado por axentes de tráfico, que o guían ata a cidade de Faro. Cando se abre a súa porta traseira ante as autoridades, bota un fedor insoportable. Non é o camión cos cadros para a magna exposición da obra de Velázquez. Cando por fin a montan, o comisario da exposición descobre que falta o deus Apolo de “A fragua de Vulcano”. Marchou á final de futbol do equipo local Olímpico e contaxiado polo ambiente botouse ao campo para mallar no árbitro. Deteno a policía. Como di ser un deus, intérnano nun psiquiátrico. Fúgase, vive a loucura duns grandes almacéns e logo arrasa nun concerto de rock coa súa cítara. O detective privado Sito Pescudo só pode informar do seu desconcerto no caso e… cobrarlle ben ao comisario, o único, por certo, que non chegou a ver a Apolo Délfico no cadro.

Os enredos de Olalla

osenredosdeolalla Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Everest Colección: Montaña encantada Páxinas: 47 Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-403-0391-2 Descripción: Olalla é unha nena pequerrechiña, á que lle encanta arremedar os sons dos animais. Un día, por non querer comer, puxéronselle en folga os membros do corpo…¿o curandeiro Dentabrú será quen de axudala?

Os gazafellos

Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Editorial Galaxia / Ediciones S.M. Madrid Colección: O Barco de Vapor, serie Vermella Páxinas: 144 Tamaño: 16 x 19 cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-7154-589-6 / 84-348-2302-0 Descripción: Premio Barco de Vapor Na aldea de Mourelle o mestre don Arturo proponlles aos seus alumnos un traballo de recollida de lendas sobre os mouros. Adrián e Tino, dous rapaces argalleiros, acoden ao señor Xaquín, bisavó e padriño de Adrián, lector incansable e home de fonda cultura popular, que lles conta o que leu nun suposto libro de Cunqueiro e historias dos mouros que andaron por alí: el mesmo vira a sete bañándose en coiro na fonte da igrexa. O mestre tivo premios fantásticos para todos; a eles deulles unha lata de marmelada branca para a cría de gazafellos novos. O problema é que non saben nada destes bichos. Terán que pescudar.

O talismán dos druidas

otalismandosdruidas Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Galaxia Colección: Arbore Páxinas: 104 Tamaño: 20 x 11 cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-7154-678-7 Descripción: O Consello de Anciáns dos Nerios, habitantes do castro de Amarelle, debate con preocupación sobre o futuro porque se están instalando os costumes romanos entre a súa xente e séntense indefensos ante un próximo ataque do pobo de Roma. O cego druída Arístides, o único que segue vive logo de que Megalikós, besta terrible, acabase cos outros druídas e se instalase nas minas, propón que antes de baixar a elas para armarse contra os futuros invasores, recuperen o Talismán. Só con el poderán acabar co monstruo e volverán os bos tempos. E o único que o pode facer é Kanerez, que debe ir á Fin da Terra e recuperar o Diamante perdido. Todos o aceptan logo de que este pase tres probas que demostran que é o elixido. Desde ese momento chamarase U-xío. Comeza así a aventura que o levará ao Cabo do Mundo para recuperar a pedra preciosa.

O xilgaro pintor

oxilgaropintor Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Galaxia Colección: Tartaruga, 15 Páxinas: 24 Tamaño: 16 x 19 cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-7154-596-9 Descripción: Cibrán e Pintor, o xílgaro, son grandes amigos anos. O rapaz ten sete anos, os mesmos que hai que trouxeron o paxaro para casa. Tan ben se entenden que cando Cibrán o saca da gaiola, o xílgaro faille a raia do pelo co peteiro. Un día pensou en buscarlle compañeira para que non estivese tan só. Levouno, atado por un sedal, á busca dun niño pero non atoparon ningún. Entón valeuse do can, devecido polos ovos, nos que era un auténtico especialista, que deu con un nunha pereira. Trouxo Cibrán un ovo para a casa, que chocou a galiña. Días despois, ante a sorpresa de todos, o que saíu del foi unha cobriña. Ao cabo dun tempo, a cobra mudou de camisa. Esa mesma noite, desapareceu a pel: no seu lugar había un paxariño semellante a Pintor. O xílgaro xa tiña compañeira.

Paisaxe con fondo gris

paisaxeconfondogris Autor: Carballude, Pepe Xénero: Novela Editorial: Galaxia Colección: Costa Oeste Páxinas: 171 Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-8288-432-8 Descripción: Alfredo, o protagonista desta novela, vela o cadaver do seu pai, un garda civil autoritario e obsesivo. A ocasión é propicia para que as lembranzas vaina agromando e asistamos deste xeito á narración da difícil vida dun rapaz de procedencia rural que ten que loitar por todo o que vai conseguindo

Romaxe de desventuras

romaxededesventuras Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Edebe – Rodeira Colección: Periscopio Tamaño: x cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-8116-643-X Descripción: Lisardo Novo volta a este mundo ante a sorpresa da súa familia. Non peregrinara a San Andrés de Teixido, onde vai de morto quen non foi de vivo. Emprende enton a sua peculiar odisea para conseguilo.

S.O.S.

sos1 Autor: Carballude, Pepe Xénero: Infantil/xuvenil Editorial: Editorial Galaxia Colección: Arbore, Serie Rosa * Costa Oeste Páxinas: 124 * 146 Tamaño: 21 x 12cms. * 21 x 14 cms. Encuadernación: Rústica ISBN: 84-7154-916-6 * 84-8288-179-5 Descripción: Novela xuvenil baseada nun feito real: o embarrancamento do buque Casón, cargado de materiais contaminantes, na Costa da Morte. Ó longo de once capítulos divididos en días e horas, un narrador omnisciente en terceira persoa relátano-lo efecto psicolóxico, social e político que un acontecemento desta índole pode chegar a exercer sobre unha colectividade. A acción xira arredor de dous núcleos principais: a conflictiva vida laboral dun político (que por mor da súa dedicación exclusiva ó traballo case perde muller e fillas) e unha tráxica historia de amor entre dous mozos. Un entramado que permite ó autor, narrador e personaxes reflexionar sobre un bo conxunto de temas actuais (ecoloxía, discriminación social, manipulación de masas, responsabilidade política, etc.).

Scroll ao inicio
Skip to content