Cambio provisional da parada de taxis

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, comunicou a decisión do goberno que dirixe de trasladar a parada de taxi da Praza de Galicia ata a Praza da Constitución, no tramo da Rúa Serafín Pazo máis próximo á casa consistorial. A medida ten un carácter provisional e busca favorecer aos profesionais deste sector do transporte público namentres non rematan as obras de remodelación da Praza de Galicia e a súa contorna.

Os taxistas pasarán a situarse na zona pavimentada en verde que está próxima ao novo photocall coas letras que conforman o nome da Estrada. Louzao sinalou que o que se pretende con este cambio temporal é favorecer o exercicio profesional do día a día para estes traballadores, logo de teren pulsado as súas impresións en conversas mantidas con eles nas últimas xornadas e asumindo que os traballos na Praza de Galicia poden ter algún impacto na súa actividade, ao comportar o peche ao tráfico desta céntrica zona e limitando tamén o tránsito peonil por seren esta unha superficie en obras.

A intención do goberno local é favorecer o funcionamento deste servizo, resolvendo que os taxistas pasen a recoller aos seus clientes a carón do consistorio e ofrecendo os seus servizos de transporte encamiñándose dende este punto á Avenida Benito Vigo, xa que non sería viable continuar polo tramo peonil de Serafín Pazo para rematar nunha Praza de Galicia tamén pechada á circulación.

Co remate das obras da Praza de Galicia programado para o mes de maio, todas as paradas (tamén as de autobuses que foron trasladadas) volverán ao seu lugar orixinal.

Scroll ao inicio
Ir o contido