Bolsas de Avelina Valladares para os libros deste Nadal
A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, fixo entrega esta mañá aos representantes das librarías da Estrada de bolsas conmemorativas do Ano Cultural Avelina Valladares, co propósito de que poidan empregalas durante esta campaña de Nadal.
As bolsas foron deseñadas pola ilustradora Rosa de Cabanas. Existen tres modelos diferentes, cada un coa súa propia combinación de ilustración e verso extraído da obra poética de Avelina Valladares. Concretamente, os escollidos pertencen a tres dos seus poemas en galego: “A Ulla, “Miña xoia” e “A pobre orfiña”.
Á recollida destas bolsas acudiron representantes de Marxe, Faro, Lolimay, Pintaletras e Durán.
Seoane explicou ás librarías que cada unha delas percibirá 250 bolsas. Nelas poderán entregar aos clientes aqueles libros que merquen nos vindeiros días, dentro da importante campaña comercial de Nadal, de xeito que se estenda o coñecemento de Avelina Valladares Núñez a través da súa propia palabra e cun xesto tan acaido como o de envolver un libro como agasallo nestas datas.
Con esta actividade o Concello da Estrada vai poñendo fin ao Ano Cultural 2025, ao que só lle resta a colocación dunha placa na escultura que lembra á Cantora da Ulla na Avenida da Cultura. Este acto realizarase nos vindeiros días e busca deixar constancia física destes meses dedicados a valorizar a figura de Avelina Valladares como autora do Rexurdimento, como muller adiantada á súa época e como escritora con voz propia, malia que tivera pasado á historia á sombra do éxito que o seu irmán Marcial Valladares acadou xa no seu tempo.