Bases Premio de Álbum Deseñado Alberte Quiñoi
VI Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado
Bases
Primeira
Poderán optar ao VI Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, que convoca o Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, todas as obras ilustradas de tema libre, inéditas en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil. Neste sentido, enténdese como álbum infantil o conxunto de texto e ilustración, no que tanto a escrita como as imaxes serán valoradas por xunto, concedéndoselles similar importancia. O(s) autor(es) ou autora(s) garantirán a autoría e orixinalidade da obra presentada ao premio, así como que non é copia ou modificación de ningunha obra allea nin integral nin parcialmente.
Segunda
Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte textual e/ou gráfica.
Terceira
As obras serán presentadas co texto en lingua galega, seguindo a normativa oficial establecida pola RAG/ILG.
Cuarta
Poderase presentar obra completa ou proxectos, que consistirán nun dossier cun mínimo de 8 páxinas rematadas, tamaño 240×210 mm en formato horizontal ou 170×240 mm en formato vertical, formato PDF, e escaleta completa do guión ou storyboard completo da obra.
O texto do álbum poderá presentarse xa incorporado á parte gráfica ou tamén por separado dela. En caso de presentarse o texto por separado enviaranse cinco copias impresas deste e outro xogo doutras cinco copias a cor do conxunto de ilustracións. Deberán achegarse indicacións precisas de onde debe figurar o texto en cada páxina ilustrada. En caso de presentarse o texto xa incorporado á parte gráfica deberán enviarse cinco copias impresas a cor do álbum.
As obras deberán ter unha extensión, sen incluír cuberta, contracuberta e gardas, de 24 a 48 páxinas cun tamaño de 240×210 mm en horizontal ou 170×240 mm en vertical.
Os álbums presentaranse con título e baixo pseudónimo. Nun sobre pechado figurarán os datos completos do autor/a ou autores/as: nome, DNI, enderezo postal, electrónico e teléfono.
Na plica presentarase declaración xurada de estar ao corrente de obrigas coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e demais requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como copia de DNI/NIE/pasaporte.
A orixinalidade da obra acreditarase mediante declaración responsable indicando que non se empregou ningunha clase de IA xerativa.
Quinta
O prazo de admisión remata o 31 de xaneiro de 2026. Os álbums enviaranse a:
VI Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado
Concello da Estrada
Praza da Constitución, 1
36680 A Estrada (Pontevedra)
Sexta
Premio único de 4.000 €, con retencións correspondentes. No caso de varias persoas gañadoras, o importe repartirase por igual. Poderá tramitarse con cargo ao orzamento de 2026 (aplicación 2026/01/330/48100, data límite 31/12/2026).
As persoas premiadas deberán estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT, ATRIGA, Seguridade Social e Concello da Estrada.
Sétima
O álbum gañador será publicado pola Editorial Galaxia.
Oitava
O xurado estará formado por cinco persoas designadas polo Concello da Estrada (3), Secretaría Xeral de Política Lingüística (1) e Editorial Galaxia (1). O secretario/a será un membro designado pola Corporación. O premio decidirase por maioría simple e poderá declararse deserto.
A resolución comunicarase antes do 01/12/2026.
Criterios de valoración:
- Calidade textual e visual: trama, ritmo, estrutura e relación texto–imaxe.
- Orixinalidade e valor cultural, incluíndo capacidade educativa en valores.
- Uso coidado e adecuado da lingua.
Novena
As bases publicaranse na web municipal, na app e nas redes sociais. O extracto publicarase na BDNS e posteriormente no BOP.
Décima
O procedemento de instrución e resolución terá lugar no Departamento de Cultura, segundo a Lei Xeral de Subvencións.
Os textos non premiados poderán retirarse no Departamento de Cultura previa solicitude. O prazo será de quince días desde a comunicación do xurado. Os textos non retirados serán destruídos.
Undécima
A subvención é compatible con outras axudas para a mesma finalidade.
Duodécima
A presentación ao premio implica a aceptación total das presentes bases e das Bases de Execución do Orzamento.