Imagen Cabecera Común

Aprobadas as bases do concurso de disfraces do Entroido

O Concello da Estrada aprobou as bases que regularán o concurso de disfraces do Entroido, que se celebrará o luns 16 de febreiro. O certame contará este ano cunha dotación económica total de 5.860 euros, o que supón duplicar os premios respecto da edición anterior, co obxectivo de fomentar a participación e a creatividade das comparsas.

Entre as principais novidades das bases figuran a fixación de puntuacións máximas nos criterios de valoración e a definición do premio especial para grupos locais, que esixirá que máis do 50 % dos seus integrantes sexan residentes no concello.

Participantes

Poderán participar no concurso asociacións, barrios, parroquias, centros educativos e persoas a título individual.

Non se establece un número máximo de participantes, aínda que para a categoría de grupos será necesario un mínimo de 10 persoas.

O concurso busca promover a orixinalidade, a creatividade e a participación activa e humorística no desfile do luns de Entroido.

Inscrición

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude:

  • No departamento de Alcaldía do Concello
  • A través da sede electrónica
  • Ou mediante o enderezo electrónico alcaldia@aestrada.gal

O prazo de inscrición remata o propio luns 16 de febreiro ás 14.00 horas. Será obrigatorio achegar o modelo de inscrición asinado e contar coa confirmación de recepción por parte do Concello.

As persoas non inscritas que se presenten no momento da saída poderán participar no desfile, pero non entrarán a concurso.

Xurado e criterios de valoración

O xurado estará formado pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e por profesionais do ámbito artístico e creativo.

Os criterios de valoración incluirán, entre outros aspectos:

  • Orixinalidade, estética, vestiario, caracterización, creatividade e traballo na elaboración (ata 10 puntos)
  • Posta en escena, animación musical, interacción co público, sátira e crítica social (ata 10 puntos)
  • Uso de material de refugallo (ata 4 puntos)
  • Inspiración en fontes culturais (ata 2 puntos)
  • Conservación do Entroido tradicional (ata 2 puntos)
Premios

A contía dos premios distribúese do seguinte xeito:

Categorías individuais

  • Infantil (ata 14 anos): 90 €
  • Adulto: 120 €

Categoría Parellas: 150 €

Categoría Mascotas: 50 €

Categoría de grupos:

  • 1º premio: 2.000 €
  • 2º premio: 1.500 €
  • 3º premio: 1.000 €
  • 4º premio: 500 €
  • Premio especial para grupos locais: 450 €

Para optar ao premio especial, o grupo deberá estar formado por máis do 50 % de persoas empadroadas na Estrada e indicar este requisito na folla de inscrición.

Desenvolvemento do desfile

O concurso dará comezo ás 16.30 horas. As persoas participantes deberán concentrarse entre as 15.30 e as 16.00 horas na rúa Antón Losada Diéguez.

O percorrido incluirá as rúas Antón Losada Diéguez, Avenida de Santiago, Avenida de América, rúa Peregrina, Praza de Galicia, rúa Calvo Sotelo, rúa José e Severino Trigo e Praza da Feira.

Entrega de premios

Os premios entregaranse o mesmo día do concurso, sendo obrigatoria a presenza das persoas gañadoras. O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria e aplicarase a retención do IRPF correspondente nos premios superiores a 300 euros, segundo a lexislación vixente.

Scroll ao inicio
Ir o contido