Aberto o prazo para solicitar autorización para a fogueira de San Xoán
O Concello da Estrada está xa recibindo as solicitudes de autorización para a realización de fogueiras na noite do vindeiro 23 de xuño, con motivo da festividade de San Xoán. Foron xa varios os veciños que se achegaron ata o consistorio para realizar o trámite oportuno e obter este permiso extraordinario que a administración municipal pode expedir exclusivamente para esa xornada, atendendo a que as competencias nesta materia corresponden á Xunta de Galicia e a que actualmente están suspendidos os permisos de queima.
Os interesados en recibir este visto bo para os seus tradicionais lumeiros poden cursar a petición antes do 20 de xuño. Terán que acudir ao Rexistro do Concello da Estrada, emprazado na planta baixa do consistorio, para cubrir e entregar a correspondente instancia. Realizado o trámite, a autorización entregarase na Alcaldía (segundo andar).
Cómpre aclarar que os permisos cinguiranse exclusivamente á noite do luns 23 de xuño, noite de San Xoán, e que a autorización comporta a asunción dunha serie de pautas, sendo sempre o solicitante o responsable dos danos e prexuízos que a fogueira puidese ocasionar.
Pautas
Deste xeito, se a fogueira se realiza en terreos públicos asfaltados, lousados ou pintados, deberá protexerse o pavimento cunha capa de area en toda a superficie da cacharela. Nela só se deben queimar elementos madeirables ou vexetais, absténdose da queima de plásticos, cauchos ou outros materiais inflamables e contaminantes.
Asemade, os encargados de realizar as fogueiras deberán coidar que ao remate das mesmas o lugar quede en perfecto estado de limpeza. A distancia destas ás casas terá que ser, cando menos, de 50 metros, distancia que tamén debe asegurarse con respecto a tendidos eléctricos ou telefónicos.
Evitarase usar nas fogueiras materias que co vento poidan provocar un incendio e deberán delimitar realizándoas nun burato, con pedras ou nunha pequena gabia. Tamén por mor da seguridade, non ser farán moreas dunha altura excesivamente elevada e disporase no lugar dun sistema de extinción de incendios.
A cacharela terá que estar vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga ou cuberta con terra.
Cada ano o Concello da Estrada concede unha media de entre 100 e 120 permisos para a realización de fogueiras na noite de San Xoán.