A xornalista Raquel Campos Pico gaña o Premio Reimóndez Portela
Nunha edición na que o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela cumpre tres décadas de historia, a xornalista Raquel Campos Pico faise co galardón por segunda vez. O xurado escolleu este mediodía a peza “Non estamos ben en internet” como a gañadora entre as 21 candidatas que concorreron ao certame que leva o nome do médico e humanista de San Miguel de Castro.
Lois Docampo Míguez, David Cofán Mazás, Ana Cela Neira, Yuri Carrazoni Mier, Juan Andrés Fernández Castro e María Victoria Reimóndez Sanmartín conformaron o xurado. Unha vez lidos os orixinais presentados e despois de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións previas á xuntanza de hoxe, acordaron por maioría conceder o XXX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela ao referido artigo, unha reportaxe en profundidade que aborda o impacto que ten a hiperconexión do mundo actual na saúde mental e no benestar emocional, ademais de reflectila coma un novo elemento de presión no entorno laboral.
O fallo do xurado recolle que “Non estamos ben en internet” afronta temas de total actualidade ofrecendo enfoques diferentes, facendo uso de fontes “coas que resulta fácil a identificación, á par doutras máis profesionais que poden afondar na cuestión que se analiza sen ser superficial”. “Ofrece unha lectura amena que conecta co lector dende o primeiro parágrafo, introducindo o paradoxo de que na era da información o principal perigo é a desinformación, reivindicando como antídoto un xornalismo lento e reflexivo”.
Coñecida a decisión, a edil estradense de Cultura, Lucía Seoane, púxose en contacto coa gañadora. Ela mesma foi a encargada de lembrar que esta é a segunda vez que un dos seus traballos resulta distinguido co Premio Manuel Reimóndez Portela, galardón co que se fixo en 2016. Naquel momento a peza gañadora foi un traballo titulado Descubrindo á esquecida «Marquesa Roja».
Freelance
Graduada en Ciencias da Información no ano 2007, Raquel C. Pico non deixou de exercer o xornalismo, decantándose polos medios electrónicos. Despois de pasar por distintas redaccións, dende hai unha década exerce como freelance. Natural de Santiago, vive e traballa entre Compostela e Vigo. Sinala que se vén presentando en distintas convocatorias a este premio e confesa que, no “pecado” da hiperconexión ela mesma está “dos dous lados”. A peza ofrece tamén esta perspectiva dobre, entre a necesidade laboral e persoal de vivir conectados e o feito de que a desconexión e a posibilidade de apagar o móbil estea próximo a converterse nun privilexio de clase.