A rede sen fíos de AEstradaDixital cumpre 19 anos
Un 30 de xaneiro, pero 19 anos atrás, a actualidade informativa do Concello da Estrada chegaba aos medios co titular da posta en funcionamento dunha rede sen fíos. Era a protagonista principal na aposta dun proxecto municipal pioneiro, que naceu co obxectivo de veren superada a fenda dixital entre o ámbito urbano e o rural. Esta experiencia cumpre hoxe 19 anos, nos que a Cidade Dixital estradense medrou e mudou, superando as súas iniciais marcas e fronteiras.
AEstradaDixital naceu co obxectivo de chegar a todos os fogares coa máxima calidade de conexión. Naquel 30 de xaneiro de 2007 saía á rúa como unha experiencia única en Galicia e en España, atendendo á capacidade de conexión que ofrecía para un escenario xeográfico tan amplo. Chegaba impulsada polo desexo de posibilitar que calquera estradense, xa fose residente na vila ou en calquera parroquia, tivese a oportunidade de conectarse a internet no seu fogar, ofertando nese intre unha conexión dun mega simétrico (de subida e baixada).
Xa 19 anos atrás se poñía sobre da mesa que AEstradaDixital tiña a autorización da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) para converterse en operador, un paso que se foi ampliando baixo o paraugas da Fundación Cultural da Estrada. Dende xuño de 2021, AEstradaDixital é operador de fibra e agora tamén de telefonía.
En datos
O xerente de AEstradaDixital, Diego Pernas, ofreceu hoxe os últimos datos que permiten extraer unha radiografía do funcionamento actual deste operador estradense. Segundo indicou, a día de hoxe son 520 os usuarios da súa rede Wifi, dos que 480 son particulares e 40 son empresas. Destes clientes, algo máis do 70% son usuarios do ámbito rural.
A maiores, AEstradaDixital conta con arredor de 600 contratos de fibra, aos que se vencellan unhas 2.200 liñas vivas (a elas vincúlanse distintas liñas de telefonía e outros produtos). Destes contratos, medio milleiro son particulares, e case un 15% son empresas. Estas últimas contan con servizos de telefonía IP (con centraliñas, xestión de extensións ou locucións personalizadas, entre outros).
A Estrada e máis aló
Por outra banda, os clientes de wifi son principalmente veciños da Estrada, se ben existen algúns usuarios de concellos limítrofes, caso de Cuntis, Vedra, Forcarei ou do sur de Teo.
Porén, no caso do servizo de fibra as fronteiras de AEstradaDixital son moito máis amplas. Dende o departamento que dirixe o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, explicouse que este operador local ten moitos clientes de fibra en Teo, Silleda ou Cuntis, pero tamén en concellos máis afastados. É o caso de Vilanova de Arousa, Santiago, Brión, Arteixo, Vigo Cambados ou Sanxenxo, pero tamén de clientes de fóra da comunidade galega. A presenza de estradenses asentados noutros puntos do Estado fai que AEstradaDixital poidan citar na súa carteira de clientes con usuarios en San Sebastián, Madrid, Cádiz, Barcelona ou Bilbao.
Persoas antes que rendibilidade
“Temos unha clientela bastante fiel”, apunta Diego Pernas. Sinala que as altas neste servizo soben cada ano cun 15% de usuarios novos. Recoñece que AEstradaDixital non chama aos seus clientes para comunicar o lanzamento de ofertas, como poden facer os grandes operadores. “Nós priorizamos o servizo ao prezo. Temos un prezo definitivo e só chamamos aos clientes se podemos darlle un mellor servizo polo mesmo prezo. Non temos campañas para que a xente veña; o que queremos é que os nosos cliente queden”, sinala.
A filosofía inicial permanece, ligada con forza ao carácter fundacional de AEstradaDixital. Isto fai que algúns dos seus nodos non resulten realmente rendibles, na medida en que, ao mellor, están para servir a un ou dos clientes en lugares afastados. “No caso de que se avaríen fai falta tempo para rendibilizar o investimento”, recoñeceu Pernas, para logo engadir: “AEstradaDixital prioriza as persoas sobre a rendibilidade”.
Infraestrutura
A rede sen fíos que en xaneiro de 2007 estreou a Cidade Dixital estradense sustentábase sobre unha combinación de tres tecnoloxías sen fíos: wifi, wimax e mesh. A conexión final viña garantida pola wifi, apoiándose nun total de 73 emprazamentos e 83 puntos de acceso. Transcorridos 19 anos, a wifi de AEstradaDixital ten hoxe 144 nodos, cada un deles con varios equipos, ata chegar aos 430 dispositivos. Deles, 115 están no rural e 29 no casco urbano.
Para a telefonía móbil o operador municipal ten convenio con Movistar, Orange e Yoigo, mentres que para a fibra opera a través da rede de moitas compañías, caso de Vodafone, Yoigo, Orange ou R, entre outras.