A Estrada acollerá o 7 de xuño a feira da sidra, con 24 lagares de 5 países
O Concello da Estrada e a Asociación Maceira e Sidra teñen xa todo preparado para unha nova edición da Feira da Sidra. Será o sábado 7 de xuño na Praza da Constitución. Nesta duodécima edición do certame baterase un récord de participantes, cun total de 24 lagares de cinco países: Francia, Chequia, Letonia, Portugal e España.
A feira desenvolverase baixo a carpa de gran formato instalada aos pés do consistorio, se ben a actividade se estenderá tamén por toda a Praza da Constitución e parte da alameda municipal. A actividade arrancará ás 12.00 e a degustación dos caldos presentes na cita continuará ata ás 15.00 horas, coa ambientación a cargo de Os Bregadiers e Señora DJ. Xa pola tarde, retomarase a feira ás 19.00, momento no que tamén se entregará a Grolo de Ouro. Escanciarase sidra ata as 21.00, contando coa animación musical a cargo de Rebelda Banda e Fanfarria Taquikardia.
Os vasos para a degustación de sidra teñen un prezo de 7 euros e están xa en venta anticipada. Poden adquirirse os mércores e sábados de feira, no Novo Mercado.
A hostalería tamén se sumará á Feira da Sidra, ofertando tapas a 4 euros e racións, a 7.