A Banda de Música Cultural homenaxea a Ramón Campos en Santa Icía
A programación cultural de outono EstradaEscena contempla nos vindeiros días a celebración dos concertos de Santa Icía, a patroa dos músicos, por parte da Banda de Música Municipal da Estrada (sábado 22, ás 20.00 horas no Teatro Principal) e da Banda de Música Cultural da Estrada (venres 28, ás 21.00). Esta última anunciou hoxe que aproveitará a ocasión para render homenaxe ao exalcalde estradense Ramón Campos Durán, falecido en 2019 e rexedor estradense entre 1992 e 2007.
O concerto de Santa Icía da Cultural da Estrada terá dúas partes diferenciadas. A primeira desenvolverase baixo a batuta de Saúl Liñares, integrante da banda que exerce como director en Oviedo. O repertorio desta parte da actuación inclúe o pasodobre “O Carrizo” (dirixido polo compositor José Pérez), “Indiana Jones”, “Camino Universo”, “We don’t talk about Bruno” e “Radioactive”.
Tras un receso de 5 minutos, arrancará a segunda parte do concerto, xa co seu director, Ricardo Oliver. A peza “La Misión” brindará o acompañamento para o homenaxe a Ramón Campos Durán que quixo brindar a Banda de Música Cultural. Tras este momento, o repertorio proseguirá con “Italian Holiday” e “Pasadoble Agüero”.
Sobre o escenario estarán máis de 30 músicos, con idades que van dende os 12 anos máis de 70 anos. O concerto contará con Xulia Rial Meda como presentadora, unha integrante da banda de 12 anos.