O Concello da Estrada conseguiu xa todos os fondos precisos para avanzar no proxecto de reforma da Praia fluvial de Liñares. O Consello da Xunta autorizou a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello da Estrada para esta inicaitiva, cun investimento de 400.000 euros. Esta contía súmase aos 1,1 millóns que aportará a Deputación (logo do acordo asinado) e á achega de 71.383 euros que corresponderán ao Concello e que se incluíron na proposta de modificación da finalidade de préstamo que foi ao último pleno extraordinario.
Deste xeito, o Concello empezará os trámites para a licitación, co fin de que as obras arranquen canto antes para que a praia poida estar en obras nos primeiros meses de 2027.
O proxecto permitirá mellorar as condicións actuais da tamén coñecida como Praia de Porta Pousada para o uso e goce da poboación e dos visitantes como espazo recreativo singular vinculado ao medio fluvial, localizado nunha contorna natural próxima ao núcleo urbano da Estrada.
Entre os traballos que se van realizar inclúese a mellora do valado exterior, con creación de beirarrúa na fronte do recinto; o tratamento das vías existentes con acondicionamento mediante pavimento de terrizo para control de escoamentos; mellora das condicións de accesibilidade e mobilidade entre as distintas zonas mediante a remodelación das vías de acceso desde a entrada principal, suavizando a pendente existente. Tamén se van crear novos camiños peonís e un paseo fluvial mediante disposición dunha pasarela lineal de madeira elevada que bordee a carballeira existente.
O proxecto tamén inclúe actuar sobre as edificacións existentes, buscando que poidan resultar atractivas para a hostalería.