O Concello da Estrada continúa coa programación do Ano Cultural Virxinia Pereira 2026 cunha xornada dedicada á súa figura e ao seu legado. Celebrarase este xoves 8 de outubro, a partir das 19.00 horas, na Casa das Letras. A iniciativa pretende afondar na traxectoria vital e no papel histórico e cultural de Virxinia Pereira, así como achegar á cidadanía diferentes perspectivas sobre unha muller estreitamente vinculada á vida e á obra de Castelao e á preservación do seu legado.
A xornada dará comezo ás 19.00 horas da man do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, un saúda ao que seguirá, ás 19.05 horas, a actuación musical de Manoele de Felisa baseada en textos de Otero Pedrayo.
Ás 19.10 horas terá lugar a presentación do acto, a cargo da actriz e moderadora Carmen Méndez, que dará paso aos diferentes relatorios previstos ao longo da tarde.
A primeira intervención correrá a cargo de Noni Araújo Arias, mestra e amiga persoal de Virxinia Pereira, que ofrecerá o relatorio Virxinia Pereira: a persoa, achegando unha perspectiva persoal sobre a protagonista do Ano Cultural.
Posteriormente, ás 19.35 horas, o historiador e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, abordará A complicidade conxugal e a liberación cultural, mentres que ás 19.55 horas o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo, falará sobre Castelao e Virxinia Pereira no exilio (1939-1950).
A xornada pecharase coa intervención de Montserrat Fajardo Pérez, xornalista, escritora e autora de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, que ofrecerá ás 20.15 horas o relatorio A leoa que custodiou o legado de Castelao.
Con esta xornada, o Concello da Estrada continúa desenvolvendo o programa do Ano Cultural Virxinia Pereira, unha iniciativa coa que pretende contribuír a recuperar, divulgar e poñer en valor a figura dunha muller fundamental na historia cultural de Galicia, reivindicando o seu papel máis alá da súa relación con Castelao.