A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá A Estrada para coñecer de preto, en compañía do alcalde, Gonzalo Louzao, e de produtores integrantes das dúas cooperativas do municipio vencelladas á mazá, cales son as previsións de cara ao arranque da campaña de recollida.
Dende o sector indicouse que, aínda que este é un ano veceiro, hai máis froito do habitual nas tempadas nas que este fenómeno xoga en contra.
A recollida arrancará a vindeira semana, coa previsión de que contar cunha trintena de traballadores contratados para coller as mazás existentes nunhas 120 hectáreas de plantacións ecolóxicas.
A pé de campo os técnicos amosaron como se comproba o grao de maduración das mazás pola tonalidade que adoptan cando se lles fai a proba do Lugol, que reacciona ao almidón (presente nas mazás verdes e que se transforma en azucre nas maduras).
Conselleira e alcalde incidiron na aposta das institucións autonómica e municipal polo sector de mazá, que converteu á Estrada nunha potencia europea no cultivo de maceiras con certificación ecolóxica, unha produción destinada á elaboración de sidra e que nos anos bos se achega aos dous millóns de quilos.