A Casa das Letras da Estrada inaugura a exposición itinerante “Castelao Grafista. Facsímile”, producida por Afundación Obra Social Abanca, en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia. A exposición saiu á luz no marco das celebracións do Centenario da Xeración Nós (1920) e, logo de pasar por varios municipios galegos, chega á capital estradense para enmarcarse nun 2026 que foi declarado Ano Cultural Virxinia Pereira, na honra dunha estradense que foi clave para a conservación do legado de Castelao.
A mostra quedará instalada na Casa das Letras ata o vindeiro 1 de outubro e poderá visitarse de xeito totalmente gratuíto. Estará dispoñible de luns a venres en horario de 09.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30, podendo visitarse tamén os sábados (de de 10.00 a 13.30 horas).
O caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao constitúe o foco desta exposición, que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas. O proxecto busca divulgar a obra dun dos creadores e ideólogos galegos máis singulares, co obxectivo de que a poboación coñeza e goce das súas creacións e das súas importantes achegas á nosa historia máis recente.
Castelao grafista. Facsímile ten como comisario a Miguel Fernández-Cid. A exposición reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao (49 deles pertencen á Colección de Arte ABANCA). Ademais, conta con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así,os visitantes poderán gozar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, así como ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.