O xurado encargado de fallar o Premio de Poesía Avelina Valladares escolleu hoxe a obra presentada por María Montserrat Varela Vázquez como gañadora da trixésima edición dun certame que leva o nome de Cantora da Ulla. O poemario, elixido entre as 25 obras que competiron polo premio, presentouse baixo o lema “Fendas na brétema”. Aberta a plica, o título da peza gañadora resultou ser “Consciencia da impermanencia”.
O xurado citouse na Sala de Xuntas do consistorio estradense ás 10.00 horas. Estivo integrado por Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto Brea, Esteban Folgar Brea e Dolores Araújo Arias, esta última exercendo como secretaria.
Destacou da obra a estruturación do poemario así como “a harmonía do día dende o amencer ao solpor pasando polo atardecer e transitando por paisaxes claras nas que o saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que, deste xeito, transcenderá”.
M.ª Montserrat é natural de Santiago de Compostela pero está domiciliada en Arzúa. Exerce coma traballadora social e xa ten acadado o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no ano 2025 por un ensaio presentado baixo o lema “Trazos da escolma da cultura”.
O Premio Avelina Valladares será entregado o vindeiro 26 de novembro, coma sempre no marco dunha nova edición da Festa da Poesía. Será nun acto aberto no Teatro Principal.
Este premio literario impulsado polo Concello da Estrada na honra e lembraza de Avelina Valladares ten unha dotación económica de 2.000 euros, xunto coa publicación do poemario en Edicións Fervenza.