Concello e Sergas asinan o convenio para reformar o centro de saúde de Oca

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron esta mañá no Centro de Saúde de Oca o convenio de colaboración que permitirá executar unha reforma integral destas instalacións sanitarias, cun investimento total de 154.112,02 euros.

O acordo materializa a colaboración entre o Concello da Estrada e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), para mellorar un dos tres centros de saúde periféricos do municipio, unha actuación que ambas administracións consideran prioritaria para garantir unhas instalacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades asistenciais da veciñanza.

O investimento será financiado ao 50% por ambas institucións, cunha achega de 77.056,01 euros por parte do Concello da Estrada, idéntica á que corresponde por parte do Servizo Galego de Saúde.

As obras

As obras previstas responden ás deficiencias detectadas nun informe técnico elaborado polo Sergas e permitirán actuar sobre os principais problemas estruturais do edificio. En concreto, acometerase a substitución completa da cuberta, incorporando unha nova impermeabilización, illamento térmico e tellas cerámicas, ademais da renovación dos canlóns, baixantes e da instalación dun novo lucernario para eliminar as filtracións existentes.

A intervención incluirá tamén a renovación dos falsos teitos e o pintado interior do edificio, a substitución das tubaxes de auga quente sanitaria e calefacción por un sistema máis eficiente e duradeiro, así como o traslado do rack de comunicacións á zona de administración, mellorando a seguridade da infraestrutura tecnolóxica e reducindo o risco de avarías e incendios.

Durante o acto, ambas administracións destacaron que esta reforma permitirá resolver os problemas de humidades, o deterioro das instalacións e a obsolescencia dalgúns sistemas do edificio, garantindo a funcionalidade do centro de saúde a longo prazo e mellorando tanto as condicións de traballo dos profesionais como a atención que recibe a cidadanía.

En virtude do convenio asinado, será o Concello da Estrada o encargado de licitar, contratar e executar as obras, mentres que o Sergas, ademais da súa achega económica, coordinará coa administración local as actuacións necesarias para asegurar a continuidade da asistencia sanitaria durante o desenvolvemento dos traballos.

Scroll ao inicio
Ir o contido