O Teatro Principal brindará este venres o seu escenario para un dos actos máis emblemáticos do calendario cultural no Concello da Estrada: a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros, que se ten convertido nun dos galardóns literarios máis importantes do panorama galego. Será un acto público e aberto a todos os interesados, programado para as 20.30 horas. Nel, a escritora e profesora Iria Collazo López sumarase oficialmente á nómina de premiados.
Dende o departamento municipal de Cultura indicouse hoxe que todos os asistentes á entrega serán agasallados cun exemplar da novela gañadora deste ano, publicada por Editorial Galaxia e finalmente distribuída baixo o título de “A muller de mentira”.
Entre 19 candidatas
A obra, que fora presentada baixo o lema “A espera. Dúas historias de amor”, foi escollida entre as 19 presentadas a esta 38ª edición, que coincide cun 2026 no que se conmemora o 150 aniversario do nacemento do autor de Berres que bautiza este premio. O xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.
Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas, conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela luminosamente”.
Iria Collazo López naceu en Barro, pero leva afincada no Morrazo dende os sete anos. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e é profesora de Ensino Secundario. A súa primeira obra literaria publicada foi “Coma unha áncora”, chegando a segunda en 2016, “A soidade das medusas”. Esta última, un conxunto de relatos entrelazados, foi traducida ao francés e ao portugués. En 2019 acadou o II Premio de Poesía Torre de Caldaloba con “Da casa queimada”, publicado en 2020, e en 2024 deu ao prelo “Os mortos que amei”.